Conversacións con Ester Navarrete, Antonio Serrat e Chano Rodríguez

Na nosa webinar semanal a través de Instagram plantámonos nas casas de grandes deportistas para intercambiar opinións e saber como se apañan nesta situación de confinamento. Nesta ocasión tivemos a oportunidade de compartir un intre cos deportistas Máis que Auga  Ester Navarrete, Antonio  Serrat e Chano Rodríguez, ademais dalgún convidado sorpresa.

 

Foi unha hora de conversación dirixida polo noso compañeiro Santi Freire, que sorprendeu aos nosos invitados con algunhas fotos con historia.

 

Chano, o noso deportista máis veterano, explicou que é a primeira vez desde o ano 94 que “estou tanto tempo sen entrar na auga”, e pese a todo está a adestrar máis que nunca. A pesar de todo, pensa que hai aspectos positivos dentro desta situación: “Permítenos botar o freo de man, asumir esta situación e sacar o mellor de ela”.

Esta tempada Chano estaba a loitar pola súa clasificación para os seus sextos Xogos  Paralímpicos e con esta crise sanitaria mundial todo quedou paralizado e posposto. A pesar de todo, Chano non se rende: “tratarei de clasificarme para estes Xogos e poñer así o broche de ouro á miña carreira deportiva”. E se está en Tokyo, tamén loitará por ser o abanderado.

 

Santi mostrou a Chano unha foto moi especial para el: “É de Sidney 2000, os meus primeiros Xogos e marcou un cambio moi importante na miña vida: Aí pechei unha etapa e comecei outra, coas miñas cinco medallas de ouro”.

 

Chano convidou á nosa charla a Ricardo Ten, deportista  paralímpico que logrou medallas en natación e agora en ciclismo. Ricardo explicou que para el o adestramento en casa estaba a ser máis ou menos sinxelo, “grazas a un rodete intelixente” e, aínda que se quedou de momento sen obxectivos deportivos, “tiven a sorte de poder participar no Mundial e con bos resultados”.

 

Ester Navarrete tamén adestra en casa coa cinta que lle prestou  Máis que  Auga e asegura que está “a traballar aspectos que antes non facía e que me vai a servir de forma moi positiva para a volta, para evitar lesións”.

 

Ester, que aproveitou o confinamento para “adestrar, facer cursos, estar máis tempo coa miña parella, coñecerme mellor…”, dubidou de se regresar á súa profesión -é enfermeira- para traballar durante estas semanas, pero “tes a dúbida de que non sabes canto vai durar e se nos ían a deixar volver adestrar pronto, polo que finalmente decidín centrarme no deporte, nesta ocasión”.

 

A foto elixida por Santi tamén foi moi especial para nosa atleta, xa que “é a Copa de Europa de 2019. Estou co meu marido no centro da pista a última xornada despois de lograr a prata por equipos”. Era o seu primeiro Europeo sénior, chegou despois de moitas dúbidas (xa que aínda que lograra a mínima, dixéronlle que non había praza para ela, ata poucos días antes de viaxar). Agora é complicado falar de obxectivos, aínda que Navarrete non quere dar a tempada por perdida, “espero poder facer algo, aínda que sexa en setembro ou outubro”.

 

Pola súa banda, Antonio  Serrat explicou que estas semanas está a adestrar bastante ben, grazas ao material que lle cedeu  Máis que Auga. A crise pillouno en Vigo a piques de viaxar para unha competición en Estados Unidos, e case marcha, pero finalmente quedou, e agora pensa que “afortunadamente, xa que podo pasar o confinamento coa miña familia e coa posibilidade de adestrar”.

 

Esta era unha tempada importante para Antonio, xa que cambiou de adestrador, de país e de grupo de traballo, pero desafortunadamente vai ser complicado facer unha valoración, polo menos de momento. Sobre o atraso dos Xogos, Serrat cre que é o xusto e aínda que sabe que será complicado loitar por esa terceira praza que, pese a non estar asignada, todo o mundo dá por feito que será para Gómez Noya, non se rende: “O importante é traballar ben e despois as carreiras poñeranche no teu sitio”.

 

Sobre a imaxe, tamén foi moi especial: “A miña primeira participación nunha Serie Mundial. Foi en Londres 2015 e todo foi máxico. Eu estaba que non mo cría! Gárdoo todo dese día: Bici, casco, mono…”