Contra os mitos alimenticios, utiliza o sentido común

24/11/2019

Enorme expectación levantou a charla nutricional “Desmontando mitos alimenticios”, que ofreceu a responsable do gabinete de nutrición Conchi  Adrover o venres no  Máis que  Auga de  Coia.

 

Son moitas as preguntas que se fai a xente sobre a alimentación e moitas as lendas que se repiten coma se fosen unha verdade incuestionable que, ás veces, son máis que cuestionables.

 

Así, nesta charla Conchi desmontou tres mitos alimenticios, que seguro oístes máis dunha vez.

 

1. O almorzo é a comida máis importante do día.  A realidade é que non existe ningún dato que xustifique esta afirmación, desde o punto de vista dietético nutricional. Que é o importante? Elixir de forma correcta os alimentos do teu almorzo, para que este sexa saudable.

Debemos escapar dos cereais azucrados, do Colacao, Nesquick ou semellantes, zumes, galletas, doces industrial, pan con margarina e marmelada ou iogures azucrados. No seu lugar, a nosa dietista proponnos: Cacao desgrasado, froita, cereais inchados,  tortitas, doces caseiros (con cabeza), pan con  aguacate e queixo fresco,  yogurt natural con anacos de froita.

 

2. Facer 5 comidas ao día. Outro deses mantras que se repiten ata a saciedade e todos e todas damos por feito que é verdade. Pero tampouco! Non podemos dicir que haxa un número concreto de comidas que sexa mellor que outro, o que importa é que comemos e como o repartimos. Os estudos existentes non demostran que sexa máis beneficioso para o corpo facer cinco comidas, pero se a ti, a nivel particular, funciónache, adiante!. E lembra: Non comas se estás saciado, escapa de atracones e se queres comer entre horas, que sexa algo saudable. Rexeita a comida rápida, coa que te bombardea a diario a industria alimentaria.

 

3. Para adelgazar basta con comer menos kilocalorías. Outra afirmación sen fundamento científico. Gañar peso ou adelgazar depende do equilibrio entre as kilocalorías inxeridas e as consumidas, pero é imposible saber como responde cada corpo ante a inxesta de  kilocalorías e como será o seu consumo. O mellor termostato, unha vez máis, dáo o sentido común: Se temos apetito de novo, é que gastamos as kilocalorías inxeridas.

O complicado é evadirse das variables ambientais (os anuncios constantes en medios de comunicación de “comida de porcallada”, as máquinas de  vending no traballo, a comida rápida para levar…) e que teñamos a suficiente forza de vontade para responder de forma adecuada ante elas. Así que o mellor é cambiar a contorna, para comer máis san (alimentos sen procesar) sen esforzo.

 

E queredes saber como finalizou a charla Conchi Adrover? Coa seguinte reflexión:

 

“Cada vez que che digan ou conten algo sobre nutrición: para, reflexiona, aplica o sentido común e acertarás. Centra a túa alimentación en produtos reais e esquécete dos  ultraprocesados”.