Confinamento cos pequenos Máis que Auga, así nolo contan os nosos técnicos

28/04/2020

Diego Agra, Juan González, Marta Díez, Sandra Collazo e Alex Brea, todos eles papás e mamás, contáronnos onte nunha charla a través de Instagram, a súa experiencia cos pequenos da casa durante o confinamento polo  COVID-19.

 

Foi unha conversación moi amena, dirixida por Rebeca Ruibal, na que puidemos meternos en casa dos nosos compañeiros e coñecer aos seus nenos e as súas anécdotas. En liñas xerais, todos eles marcaron rutinas, están a organizar xogos, actividades e retos, escapando da tele ou dos videoxogos, e gozando deste tempo en familia.

 

Así, Juan González falounos dos seus peques Valentina (5 anos) e Xabi (de case 7 anos).  Valentina cumpriu anos durante o confinamento e apagou as velas a través do televisor para poder compartilo así coa súa familia e amigos. Pola súa banda, Xabi, grazas ao seu tambor e a súa marcha, conseguiu organizar os aplausos das oito da tarde. No aspecto positivo, o noso compañeiro destaca o tempo que está a compartir cos seus nenos; no negativo, que engordou bastante durante o confinamento.

 

Diego Agra, de Máis que Auga Barreiro, explicou como o seu fillo Xoel, de tres anos, non entendía porque mamá saía a traballar, así que “un día decidiu que ía ser mamá”. É Diego quen está máis tempo co neno, xa que a súa muller Ana traballa, e está claro que o peque ten unha vea artística importante. Diego quixo compartir connosco algunhas das actividades que realizaron con Xoel, que é un fan de Uxía  Lambona.

Xogos con Xoel

Marta Díez, de Máis que Auga Navia, afronta o confinamento con Breo (de 6 meses) e Roque (de 2 anos), botando moito de menos aos avós, sobre todo porque o  papi ten que traballar, e durante toda a mañá está soa cos seus dous pequenos, e un deles un bebé. Iso si, goza ao máximo ao ver a relación que se está creando entre os seus pequenos e tamén de facer moitas manualidades con Roque. Ademais cóntanos que as fins de semana son diferentes: “ Papi está na casa e iso é ouro, e tratamos de facer actividades diferentes. Así, un fin de semana fomos ao Everest, montamos unha tenda de campaña na leira e pasamos alí o día”.

 

Sandra Collazo, de Máis que Auga  Coia, ten un fillo de oito anos, Dani, co que comparte os seus deberes pola mañá e os seus xogos, pola tarde. Sandra explicounos que xogar ao fútbol no piso “resultou daniño para a cociña” e recoñece que as fins de semana, coas súas sesións de cinema, son moi especiais, “ademais do tempo que estou a compartir con el, algo que cando estás a traballar non podes facer”.

 

O último dos nosos técnicos en incorporarse á charla foi Alex Brea, que se sumou xunto ao seu fillo Mateo, un crack das manualidades. Mateo está moi contento de compartir tanto tempo cos seus pais e o seu irmán pequeno Pablo, “coas súas partidas diarias de parchís e o seu cinema na fin de semana”. Alex insistiu na necesidade de que os nenos fagan ximnasia en casa e lembrou que “así dormen mellor”.

 

A continuación, tedes a ligazón da webinar. Non vola perdades!