COÑECE OS NOSOS ROTEIROS BTT DE PRIMAVERA

26/04/2024

O programa OutExperience inclúe na programación do segundo trimestre do ano 2024 tres roteiros BTT, nos que se aumentou un pouco a dificultade con respecto aos anteriores. Polas previsións climatolóxicas, aprazamos a saída de abril para o 11 de maio, na que iremos  desde Lago Castiñeiras ata Faro Domaio. Posteriormente (finais de maio) estaremos en Santa María de Oia e na saída do mes de xuño, o destino será Cabo Home no Morrazo. Tres plans, cada cal máis interesante, para todas as persoas namoradas da natureza e a actividade física, e ás que lles guste realizalo en grupo.

 

Neste trimestre daremos un paso máis e os tres roteiros terán unha dificultade técnica e física moderada e requirirán algo de experiencia en montaña.

 

Roteiro BTT Lago Castiñeiras – Chan de Arquiña – Faro Domaio

O día 11 de maio faremos un percorrido de case 23 quilómetros pola zona alta do Morrazo, xunto ao Lago Castiñeiras, o monte Xaxán e o parque forestal de Chan de Arquiña e Faro Domaio. A saída está prevista ás 11:00 desde o lago e espéranos por diante un roteiro que alternará zonas cómodas para pedalear con subidas longas de pistas anchas e baixadas por carreiros técnicos. O tempo estimado para realizar este traxecto é de 3 horas e media.

Esta actividade sufriu un cambio na súa data, xa que inicialmente estaba prevista para o 27 de abril, pero ante a previsión de choiva, decidiuse buscar unha data alternativa para poder gozar ao máximo da saída.

Santa María de Oia – Burgueira – Loureza

O sábado 25 de maio (10:00 horas) terá lugar o roteiro máis montañoso dos tres con inicio e final na poboación de Loureza. Será un percorrido de 25 quilómetros con case 700 metros de desnivel positivo, que nos levará río arriba polo Tamuxe ata a zona alta de Oia e regreso ao río. A saída realizarase ás 10:00 desde a Igrexa de San Mamede de Loureza e o tempo estimado para completar a actividade é de 3h 30min.

Porto de Aldán – Praia de Nerga – Cabo Home – Punta Couso

O sábado 22 de xuño chegará o último roteiro BTT de Primavera, no que realizaremos un fermoso percorrido polo Morrazo. Con saída desde o porto de Aldán (10:00 horas), rodearemos o extremo occidental da península do Morrazo, pasando pola praia de Nerga, Cabo Home, o monte Facho de O Hío, e o extremo norte da ría de Aldán en punta Couso, volvendo a Aldán polas praias de Areabrava e Pinténs.

 

O roteiro terá un percorrido de 26 km e 630 metros de desnivel, que, aínda que sexa por zona de costa, supoñeranos un novo reto dunhas 4 horas de duración para facelo con calma.

Non podedes esquecer que para facer as rutas BTT necesitades ter bici de montaña e casco propios e tamén debedes ter un móbil coa aplicación de Strava para poder seguir o percorrido.

 

Lembrade que no programa OutExperience tedes a opción de facer un abono único por toda a tempada (20 euros para socios e 40 para non abonados) ou ben abonar as actividades soltas, que teñen un custo de 4,35 euros para adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€). A estas alturas da tempada, facede contas, porque igual é preferible abonar por actividade. Ao principio da tempada, sen dúbida, o abono!

 

Por último, xa sabedes que os participantes deberán ter contratado o seguro anual obrigatorio para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 11 euros e un ano de vixencia. Todas as persoas interesadas poden reservar praza na recepción dos nosos centros.