Coñece aos nosos mozos da clase das 9:15

31/05/2020

Lucía, Nieves, Tori, Merchi, Ángel, Mucha, Ricardo… son outros dos nosos heroes sen capa. Desde a experiencia viven esta situación coa tranquilidade que dan os anos, pero coa necesidade do agarimo e do contacto social. Eles, e sobre todo elas, son habituais nas clases de mantemento sénior de Navia con  Jana e, durante o confinamento, foron asiduos a  Casagym.  Jana séguelles “ a pista” a través do  wasap e asegura que “son os meus mozuelos e, como eu lles digo, están na mellor idade”.

 

Lucía, de 64 anos, pasou o confinamento co seu cónxuxe, Guillermo, e a 600 quilómetros das súas fillas, que traballan e viven en Madrid. Como para todos, foi complicado, pero Lucía, unha persoa moi activa habitualmente, organizou a súa día a día con tarefas: “O meu tempo para ler, para a tele, para o  gym…”, e así foi soportando todo isto. Antes do confinamento ía  Máis que  Auga todas as mañás e agora confórmase con poñerse diante do computador e seguir as clases de mantemento ou de estiramentos, pero ten moi claro que “o deporte é para facelo en grupo… Estar cos teus compañeiros, cos  profes, botar unhas risas…” Di que  Jana é enxeñosa, simpática, divertida e crea un ambiente moi bonito nas clases… e iso non sabemos cando o imos a recuperar…”

Afirma que o máis bota de menos é o contacto físico coas persoas que queres e aínda que a tecnoloxía foi unha amiga neste confinamento, a Lucía lembráballe a distancia: “Por unha banda era positivo, porque podías estar en contacto e verlles e por outro, con cada videoconferencia dábaste máis conta da distancia. É moi frustrante”.

 

Nieves e o seu marido Ángel son membros activos da familia Máis que  Auga. Viñan todos os días ás súas clases de mobilidade, mantemento e a sala fitness para estar en forma agora que se xubilaron, xa que son persoas moi activas. E así foi o seu confinamento, activo. “A verdade é que o levamos moi ben. Temos unha casa e o feito de poder saír á horta, coidar as nosas cousas, deume a vida”. Viven en Valadares e desde que se pode saír a camiñar, todo se fixo máis sinxelo. “Aquí temos moitos sendeiros para camiñar case sen cruzarte con ninguén, polo que desde que nos autorizaron a saír, a verdade é que deixamos un pouco as clases de Jana”. As primeiras semanas Casagym era a súa conexión cos seus compañeiros e a súa mestra, cos que conversan a través do  wasap. Como todos, o seu desexo está claro: “Que se acabe isto pronto para poder facer unha vida normal”. Un desexo sinxelo e compartido.

 

Mucha é pura vitalidade cos seus 75 anos cumpridos, recoñécenos cunha risa un pouco  pícara. “Pero non me doe nada”, chancea, aínda que o di en pasado: “Non me doía nada, porque estes meses de confinamento si que os estou notando, e agora empézame a doer a cadeira”. Mucha vive co seu marido na súa casa de Coruxo, xunto a unha das súas fillas, o seu xenro e as súas netas, que ocupan o piso de abaixo, polo que tamén neste sentido o confinamento foi máis agradable. “Eu son moi caseira e coa leira entretéñome, pero claro, tanto tempo, ao final  angústiaste un pouco”

 

A nosa Mucha non escatimou eloxios cara á súa profe Jana: “É estupenda e bótoa moitísimo de menos!” e desexa volver ás clases pronto, “e o meu marido a natación, que vén comigo tamén a Máis que Auga, pero el vaise á piscina”.

 

Tori, de 73 anos, pasou o  confinamento co seu marido Jesús e non se queixa: “Aínda que vivimos nun piso, temos a sorte de contar cun balcón bastante longo, onde nos dabamos as nosas camiñadas. Ademais, o edificio ten un xardín, onde tamén agora podemos baixar”. E aos seus paseos polo balcón hai que sumarlle as clases de  Casagym. “Estiven bastante activa, pero claro, boto moito de menos ir ao ximnasio. Ía case todos os días. Ademais das clases de mantemento, dous días á semana ía nadar á piscina e ao spa, e eran uns momentos xeniais”.

 

O que máis  ansía é “poder abrazar aos meus fillos e os meus netos”, xa que aínda que os viu e estiveron con eles, foi mantendo a distancia de seguridade. E tamén bota de menos aos seus compañeiros de ximnasio, cos que está en contacto a través do activo grupo de  wasap.

 

E acabamos o noso percorrido pola clase das 9:15 de Navia con  Merchi, que é a  benxamina do grupo, cos seus 53 anos:  “Eu ía todos os luns, mércores e venres ás clases de  Jana de primeira hora da mañá e bótoo moito de menos. Porque é todo: É saír de casa, estar cos compañeiros, cos  profes… O deporte é para facelo en grupo, é moito máis divertido”.  Aínda que segue as clases de  Casagym, recoñece que lle dá preguiza facelo soa en casa.

 

Merchi, que vive cos seus pais, é autónoma e traballa en casa: “Son modista”. Calquera outro ano a estas alturas estaría con moitísimo traballo no tramo final da campaña dos traxes de comuñón, pero este ano a campaña frustrouse polo  COVID-19, como moitas outras cousas, e agora “estou a confeccionar máscaras”.

 

Pois se eles están a desexar vernos, que podemos dicir nós! Ansiando que sexan as 9:15 dun luns calquera para sumarnos á súa clase de mantemento e enchernos da súa vitalidade contaxiosa.