Coñece ao noso fisio Martín Martínez!

15/01/2020

Fisioterapia e deporte. Estas son as dúas paixóns de Martín Martínez, o novo responsable do servizo de fisioterapia do noso centro de Navia. Este mozo vigués tiña claro que o seu futuro profesional estaría relacionado coa saúde e finalmente decidiuse pola fisioterapia, sobre todo na súa vertente deportiva. Por iso, encántalle a proposta de Máis que Auga xa que se unen ambos. El é xogador de fútbol sala (agora quedouse nun aspecto máis afeccionado) e en parte “grazas” á súa faceta deportiva coñeceu a fisioterapia como cliente e “vaste enganchando”.

 

“Sempre tiven claro que ía estudar algo de saúde, en principio dubidaba entre medicina e fisioterapia, pero despois comecei coa fisioterapia e encantoume, sobre todo porque se podía orientar cara ao deporte e iso é o que me gusta”, manifestou o noso fisio, que traballou nos hospitais Cunqueiro, Montecelo ou Provincial de Pontevedra, Citroën, a Clínica San Lázaro ou o centro de rehabilitación da nosa Señora da Esperanza, entre outros.

 

Martín anima á xente para visitar ao fisioterapeuta antes: “En xeral a xente non acode ao  fisio ata que se atopa  super amolado e é unha pena. O fisio tamén pode axudarche en temas de prevención e ergonomía, orientarche en posturas, traballar coordinado cos adestradores e iso aquí, en Máis que  Auga, é algo que se pode facer perfectamente”. E lembrade que unha visita a tempo ao fisioterapia é un “investimento en saúde”.

 

No noso centro de fisioterapia, Martín realizará unha avaliación do problema para poder iniciar o tratamento máis adecuado, que vai desde consellos ao usuario na súa vida diaria, ao traballo coordinado cos adestradores no caso de que o paciente se estea recuperando no centro, masaxes, ou o servizo de presoterapia, que vai bastante ben para a recuperación de lesións, ademais de principios básicos como son unha boa nutrición e o descanso.

 

Xa sabedes que podedes reservar cita no noso servizo de fisioterapia, situado no centro de Navia, na recepción de calquera das nosas instalacións, por teléfono ou a través da web de  Máis que  Auga. Esperámosvos!