COINCIDINDO COA CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE, PRESENTÁMOSVOS A ROBER RUBÍN

06/12/2020

Esta semana celebrouse o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e coincidindo con esta data, gustaríanos que coñecérades a unha das persoas con discapacidade que acoden a Máis que Auga. Nas nosas instalacións temos socios con diferentes  discapacidades físicas ou psíquicas que atopan no deporte un incentivo máis. Desta forma, falamos hoxe con Rober Rubín, socio de Máis que Auga Barreiro dende hai uns tres anos, e que é unha persoa cega, a única que acude a este centro.

 

Rober Rubín perdeu a vista hai preto de 15 anos como consecuencia da diabetes que sofre dende os 11 anos. Ademais, esta enfermidade afectoulle a outros órganos o cal provocou que lle fixeran dous transplantes (de páncreas e de ril) hai uns 10 anos.  Como consecuencia de todos estes problemas médicos, Rober estaba extremadamente delgado, sen musculatura  e lle quedaron secuelas nas pernas. Así que cando xa foi transplantado e comezou a mellorar, decidiu apostar polo deporte, e iso que antes nunca o practicara. Pero os resultados son evidentes e moi satisfactorios, segundo nos conta Rober: “Grazas ao deporte recuperei moitísima forza, mobilidade, músculo…”. Rober adestra case todos os días, tres en Máis que Auga, pero ademais fai artes marciais dous días á semana e tamén algo na casa.

 

E non só significou unha mellora física, tal e como nos conta o noso socio. Facer deporte e apreciar a melloría no seu corpo, tamén lle aporta seguridade e confianza en si mesmo: “Síntome  ben, estou a facer algo por min e noto que a xente me ve doutra maneira”.

 

Con todo, Rober quere deixar claro que el non fai nada extraordinario: “Eu son un máis, a vista non é necesaria para levantar pesas, hai outras cousas que son máis complicadas, por exemplo, as artes marciais”, aínda que non oculta que “me agrada ser a única persoa cega que vai ao ximnasio”, chancea o noso socio, que destaca polo enorme sentido do humor, que amosou ao longo de toda a conversa.