COIDANDO AOS NOSOS BEBÉS DESDE ANTES DE NACER

30/04/2022

Desde a apertura do noso primeiro centro Máis que Auga tivemos a gran sorte de vivir convosco o crecemento da nosa familia. Puidemos compartir coas nosas mamis os embarazos e despois contemplar o crecemento dos pequenos/ as. E, en moitos casos, fixémolo a través de  embarazauga e bebés, os cursos de natación con máis corazón e tenrura de  Máis que Auga.

 

Sabedes que temos clases específicas para as embarazadas e neste caso,  embarazauga é a clase de piscina para mulleres en estado de xestación. Os médicos recomendan facer actividade física a partir da semana 12 de xestación (a non ser que exista algunha patoloxía específica) e esta é unha das actividades máis recomendables xa que a flotabilidade e a ingravidez reduce o estrés de músculos e articulacións.

 

Tal e como nos explica a nosa técnica Nerea Castro, esta clase ten unha chea de beneficios, principalmente para a mamá, pero tamén para o bebé. Así nolo conta  Nerea: “Axuda a relaxar as zonas máis  sobrecargadas durante o embarazo; activa a circulación sanguínea, axuda a controlar o peso, gañar axilidade e mellorar a resistencia  cardiorrespiratoria, diminúe a presión  intraabdominal, entre outros moitos beneficios”. Porque, ademais, as nosas nais teñen a oportunidade de compartir estes momentos con outras mulleres que se atopan na mesma situación, así que tamén axuda no aspecto anímico, permite  socializar e ademais con persoas que te entenden á perfección. Porque non debemos esquecer que, se os cambios físicos nas embarazadas son os máis “evidentes”, os emocionais e psicolóxicos son moi intensos e importantes, polo que poder compartilo e atopar un apoio é fundamental.

 

E tras o nacemento, volvemos compartir co novo membro da familia grandes momentos coas nosas clases de natación para bebés, que se empezan a impartir a partir dos seis meses de vida.

 

Tamén acudimos a  Nerea para coñecer os seus beneficios, aínda que só hai que verlles na auga co seu pai ou a súa nai para ver como gozan. Pero imos ir un pouquiño máis aló da man de Nerea: “As clases de bebés teñen moitos beneficios, entre os que podemos destacar que mellora o vínculo afectivo entre pais/nais e bebés; estimula o desenvolvemento  psicomotor, a coordinación, motricidade…; ofrece novos estímulos positivos nunha contorna diferente; fortalece o sistema  cardiorrespiratorio; favorece o contacto con outros bebés na auga, a socialización con outros nenos, etc”.

 

E así, cos sorrisos dos nosos bebés e a satisfacción dos proxenitores, deixámoslles no  auga, onde moi pronto se converterán en miñocas,  tartarugas e luras.