CO XOGO DAS PISADAS, RISAS, DIVERSIÓN E CENTOS DE PREMIOS

20/10/2022

Prometerámosvos un día divertido e cumprimos a promesa. Onte fomos ata o centro de Barreiro para vivir cos seus usuarios/as o concurso da pisada e podémosvos asegurar que houbo risas, inventiva, curiosidades, bo humor e moitas parellas Máis que Auga… con premios! A primeira curiosidade chegou moi pronto. Empezamos coa repartición das nosas metades de pisada e o que facía a nosa técnica Laura era formar un gran abanico coas tarxetas, postas boca abaixo, para que os usuarios/as fosen collendo ao azar. Pois o azar foi tremendamente caprichoso. As dúas primeiras persoas que colleron as súas tarxetas fixeron unha pisada completa, pero é que ademais eran… matrimonio! Si, si, e aínda queredes máis curiosidades? Porque as temos! Ana Gómez e Juan Carlos Moledo fixéronse socios de Máis que Auga o día anterior, polo que era o seu primeiro día de gym. Imposible non rirse ao coñecer a historia, aínda que ambos nos explicaron que xa coñecían Máis que Auga. “Hai varios anos fomos socios, pero deixámolo porque non podiamos vir cos horarios dos fillos. Pero agora xa son maiores e tócanos coidarnos”, explicounos Ana, quen é rotunda: “Claro que nos gustan as instalacións, senón non repetiriamos”.

 

 

Así, deixámoslles na bici e continuamos o noso paseo pola instalación e atopámonos á segunda parella do día. José Antonio González, socio desde o ano 2016, é un dos asiduos e recoñece que lle gusta moito MQA polas numerosas opcións que ofrece: “Máis que Auga non ten competencia en Vigo, a competencia sodes vós mesmos, os outros centros”, chancea, “porque ningún ximnasio dáche ademais piscina, spa, pádel…”. Pois José fixo parella con Sergio Alonso, e ambos se deron conta case á vez de que os seus partes coincidían, cando se ía achegando ás máquinas que ían utilizar. Así que xuntos foron á urna e Jose Carlos tiña claro o que quería: Sesión de fisio. Pois meu dito meu feito. Tocoulles unha sesión de fisioterapia para cada un e felicidade absoluta.

 

Os premios ían caendo pouco a pouco: camisetas, bidóns, cursos… E chegou o momento da primeira mensualidade gratis que foi para Daniel Vilaboa e Ana Aira. Daniel, socio desde hai moitos anos, puxo a súa pisada nun sitio visible e Ana, cando xa finalizara o seu adestramento e ía camiño da ducha, viuna e pensou que coincidía. E non se equivocou. Así que baixaron xuntos e a man inocente foi a de Ana que acertou ao elixir a papeleta e levaron un mes de gym gratis. Ambos, xa co seu premio, contáronnos que é o que máis lles gustaba de Máis que Auga. Para Daniel estaba claro: “O ambiente que se vive aquí, eu fixen moitos amigos”. Ana, que é socia desde o pasado ano, asegurou estar moi contenta co centro e que sobre todo agradecía a amplitude do horario porque “eu son enfermeira e traballo con quendas, polo que para min, é perfecto“.

 

Así, cun sorriso na cara, abandonamos a instalación, satisfeitos por compartir estes momentos convosco e poder agora compartilos!