CO VERÁN REGRESAN OS NOSOS CAMPUS MULTIDEPORTE E AVENTURA EN MQA NAVIA E BARREIRO

11/05/2024

Co verán asomando ao virar a esquina, chegou o momento de presentarvos a nosa oferta para os pequenos da casa durante as vacacións: Os campus multideporte e de aventura! Parécenos a mellor opción para as e os participantes, porque combina actividade física, natureza, convivencia, fantásticas instalacións deportivas e os mellores profesionais do sector.

 

Despois do éxito do ano pasado, imos continuar pola mesma liña, é dicir teremos dúas propostas diferentes para os nosos pequenos e pequenas, nas que terán cabida menores de 3 a 14 anos, e que se estenderán do 24 de xuño ao 30 de agosto. Os campus realizaranse nas instalacións de Navia e de Barreiro (neste último caso, do 24 de xuño ao 2 de agosto) e contarán con numerosas actividades, ademais de que todos os días terán piscina (excepto do 1 ao 18 de agosto, que se pecha a piscina en Navia para realizar o mantemento anual) e outras moitas propostas para realizar tanto nas nosas instalacións como fóra.

 

Campus Multideporte

Vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos. Contaremos unha programación moi variada, con opcións como baile, zumba, pádel, xogos tradicionais, robótica… e, por suposto, natación, do máis reclamado polos nosos peixiños. Todos os venres teremos saídas ao exterior, algo que sempre emociona aos pequenos. Aínda estamos a pechar algunhas das actividades, pero xa podemos anunciar que repetiremos Donde viven los cuentos, onde visitarán unha granxa na que recollerán as hortalizas e froitas do propio horto e posteriormente cociñarán nun taller de cociña. Ademais, iremos ao Wake Cup de Fornelos de Montes, un complexo náutico deportivo con inchables, kaiak, pádel surf e pedaletas, onde a diversión está asegurada.

 

E por último, tamén temos pechada a visita a La Jungla en Mos, un parque de lecer infantil, cheo de camas elásticas, inchables, pista deportiva, zona de Jumping, parque de bólas…

 

Campamento de deporte e aventura

A segunda opción de campus é o de deporte e aventura, que está dirixido a nenos e nenas de 7 a 14 anos, no que haberá unha programación adaptada á súa idade, con crosstraining, bike indoor ou iniciación ao beisbol, baloncesto ou balonmán e por suposto sen esquecernos da piscina. Como xa sabedes, o venres é o día dedicado ás excursións, e agora mesmo podemos anticipar que iremos a Panxón a facer surf e que por suposto, non nos podemos perder a visita ao Wake Club de Fornelos.

 

Aquí tedes a ligazón coa programación provisional do campus de Navia. É certo que esta proposta pode sufrir modificacións, pero serve para ver a dinámica e funcionamento dos nosos campamentos.

Horario e prezos

 

O horario será de 9 a 14 horas, pero existe a posibilidade de amplialo para os madrugadores (desde as 8) e a última hora (ata as 15:30), o cal terá un custo de 20 euros á semana. Podedes reservar tanto por semanas, quincenas ou 4 semanas e existen diferentes descontos, dependendo de se es socio/a ou non de Máis que Auga.

 

Tamén poderás acceder a descontos, segundo o tempo que contrates. Se o fas por unha quincena, terás un desconto do 10% e no caso de que sexa o mes (4 semanas), o desconto será do 15%. Ademais, se contrataches un mes (xullo ou agosto) terás o agasallo da semana do 29 de xullo ao 2 de agosto. E, por último, tamén no caso dos irmáns/as existirá unha vantaxe económica: Terán unha rebaixa do 10%.

 

Aquí tes a táboa de prezos, para abonados e non abonados/as.

Se tes algunha dúbida, podes consultar na recepción de calquera dos nosos centros, onde tamén poderás contratar a praza para o teu fillo/a.