As estatísticas non minten e o certo é que España é o terceiro país europeo con maior obesidade infantil e xuvenil. Aumenta o sedentarismo, o consumo de graxas e azucre, a dieta mediterránea vaise afastando dos hábitos alimenticios dos pequenos, mentres que colle “peso” a comida lixo….
E isto é unha realidade, non son simples números, que ten efecto directo no incremento do sobrepeso e a obesidade na poboación infantil e xuvenil.
Hoxe queremos compartir convosco un artigo que nos parece moi interesante, no que Andrea Calderón, doutora e profesora de Nutrición da Universidade Europea, analiza o problema e propón solucións, en dúas ou tres craves sinxelas de aplicar e moi efectivas.
Andrea Calderón destaca que é fundamental unha maior promoción de hábitos saudables tanto de alimentación como de práctica de actividade física desde as primeiras etapas da vida, en centros escolares, centros deportivos…. É importante que “estes contribúan a unha maior concienciación de escolares e familias”.
Nas comidas hai que escapar dos procesados, apostar polos alimentos naturais e tratar de que os pequenos/as teñan unha dieta equilibrada con legumes, vexetais ou froita.
Con respecto á actividade física, Andrea resalta que a práctica de actividade física en escolares “é fundamental. Os estudos demostran que cada vez máis os nenos son sedentarios e realizan máis actividades dentro de casa que non requiren movemento: televisión, redes sociais, vídeo xogos… reducindo o tempo dedicado a actividades ao aire libre e lecer activo”.
E a doutora finaliza recomendando que “realicen 3-4 sesións de actividade física programada, que inclúa tanto cardio como forza para estimular a masa muscular, ao gusto de cada neno. Ademais, deberían levar unha vida máis activa no seu día a día, e moverse cada tanto cando estean sentados estudando ou con lecer sedentario”.
Recomendámosvos este artigo, do que extraemos as claves, pero deixámosvos a ligazón a continuación, para que poidades lelo íntegro e ver como nos afastamos dos hábitos saudables.