Claves para volver correr despois de case dous meses parado

Tras case dous meses de confinamento, volver adestrar é case unha necesidade para os deportistas. Os  runners teñen “mono” de zapatillas, pero hai que facer as cousas ben para evitar lesións. Evidentemente non será o mesmo que cando te estás recuperando dunha lesión, xa que entón o corpo marca os límites e é un proceso gradual.

 

Pero nesta situación, o corpo o que che pide é estrada e non podes lanzarte a iso sen control. Os especialistas xa alertaron sobre un aluvión de lesións deportivas tras 7 semanas de confinamento. Por iso, é fundamental facer un bo traballo e evitar lesións, que volverían levarte á inactividade.

 

Así que acudimos ao noso técnico Javi Vázquez, para que nos indique unhas pautas para seguir. Imos con elas!

  •  Ir aumentando aos poucos o volume de traballo. É necesario preparar ao corpo, que vaia asimilando a carga de traballo e así, aos poucos, recuperar o ton.
  • Non realizar traballo de series ou explosivo se non se fixo un traballo previo durante esta corentena.
  • Non obsesionarse cos tempos pasados. O corpo necesita unha adaptación despois de tanto tempo parado e non podedes pretende chegar a esa marca que alcanzarades despois dun traballo prolongado e planificado.
  • Non marcarse obxectivos a curto ou medio prazo, xa que vimos dun tempo de  semi inactividade de traballo  aeróbico. De nada serve presionarse en exceso, só provocará frustración.
  • Se non es corredor activo ou vés de moita inactividade, intercambiar períodos de carreira e andar (por exemplo, 1 minuto andando 1 correndo ,2-2 …..)

 

Javi tamén insiste na necesidade de escoitar ao corpo: “Por último, lembrar que vimos de moito tempo no que non estamos a facer actividade de impacto por tanto as articulacións de nocello, xeonllo e cadeira sufrirán así que evitar tempos prolongados e, en caso de molestias, parar directamente para evitar futuras lesións”.

 

E sobre lesións falamos co noso fisioterapeuta, Martín Martínez, que pide aos deportistas sentido común para evitar lesións. As máis habituais nestes días son de tipo muscular e de estruturas de tecido conectivo. Martín está convencido de que “o que máis vou a atopar son  tendinopatías, porque son estruturas que necesitan carga e debemos facelo de forma gradual”.

 

Seguide os nosos consellos para que o regreso ao asfalto sexa satisfactorio!