Claves para afrontar o post confinamento tanto a nivel físico como psicolóxico

02/06/2020

É un pracer escoitar a profesionais como a psicóloga Eva López e o fisioterapeuta Juan Martínez. Así, na nosa webinar dos luns gozamos coa charla que mantivemos con eles sobre os efectos post confinamento tanto a nivel físico como psicolóxico.

 

A psicóloga, que tamén é usuaria de Máis que Auga, considera fundamental saír fortalecidos desta situación de caos que vivimos: “Todo isto debe ter un sentido, unha ensinanza. Para iso temos que ser sinceros con nós mesmos e decidir que debemos facer para cambiar aquilo que non nos gusta das nosas vidas”. Eva explicou que na época post confinamento se está a atopar casos de ansiedade e medo: “O máis importante é que cada un se pare a sentir, porque o medo é un síntoma de que algo vai mal. Entón debemos buscar a orixe do problema e solucionalo”.

 

Eva deunos unhas receitas moi sinxelas para saír adiante nesta época: Escribir, facer exercicio, unha boa alimentación, escoitar música, pasear, rodearte de amigos de verdade, limpar a casa…. “Todo isto para axudarte a decidir cal é o primeiro paso que podes dar para estar máis preto de onde queres estar”, concluiu.

 

Pola súa banda, Juan Martínez tamén nos explicou que o rendemento físico está moi ligado a outros aspectos claves da nosa vida: “os catro alicerces son alimentación, exercicio, descanso e mente. Así cando todos están equilibrados o rendemento é mellor”.  Nesta volta á normalidade, Juan pediu paciencia, tanto para baixar eses quilos extras como para recuperar a forma física. No aspecto nutricional cree que o mellor é apostar por unha boa alimentación, eliminando da nosa dieta os alimentos procesados e pensar que se tardará un tempo en recuperar o noso peso ideal. E o mesmo sucede coa forma física. Non será posible recuperar o estado previo ao 13 de marzo de forma inmediata e forzar só nos pode levar a provocar lesións. Así que o mellor é ter calma e comezar a volta ao traballo de forma gradual e, se pode ser, dirixida por profesionais, sobre todo porque está demostrado que despois dun período de inactividade tan longo, hai maior número de lesións.

 

Pero o mellor é que escoitedes a charla que, unha vez máis, foi dirixida pola nosa compañeira Rebeca Ruibal.