Cinco mil persoas gozaron do Vigo Open de Pádel en Navia

13/05/2019

Rematou o Vigo Open 2019 do Circuíto Mundial de Pádel Profesional e chegou o momento de facer balance. E este non pode ser mellor. Polas instalacións de Máis que Auga Navia, sede oficial da competición nas fases preliminares, pasaron unhas 5.000 persoas para contemplar os máis de 100 partidos aí disputados ao longo de cinco días de competición.

A medida que ía avanzando o torneo, crecía a expectación no noso complexo de Navia e as gradas dispostas para a ocasión quedaron moi pequenas para acoller aos centos de persoas que se pasaban ao longo do día, principalmente nos partidos nos que as e os deportistas vigueses e galegos eran protagonistas. Porque ao éxito organizativo, hai que sumarlle as magníficas actuacións de deportistas como Nacho Vilariño, usuario de Máis que Auga, ou as irmás Sabela e Carla Barciela, que pasaron á previa e quedaron moi preto de meterse no cadro final.

E por último destacar que, unha vez máis, a nosa instalación demostrou ser o mellor centro de pádel de Galicia e que as e os participantes no Vigo Open destacaron a calidade das nosas pistas e das instalacións en xeral, tal e como xa fixeran os organizadores do World Padel Tour.