As cinco claves para comezar a nadar dende cero

19/02/2019

Nunca se che deu por nadar. Nin sequera cando eras cativo che gustaba moito a auga. Pero, un día, escoitaches falar dos beneficios da natación mentres adestrabas na sala fitness do teu centro Máis que Auga e décheste conta de que quizais era hora de ir aprendendo. É evidente que non sabes nin por onde comezar, pero non te preocupes. Ímosche dar o empuxón que precisas a través destas cinco claves para comezar a nadar.

1. Ponte en mans dun profesional. Non te lances á piscina á primeira de cambio. Primeiro inscríbete nun dos nosos cursos e busca asesoramento. Os nosos técnicos Máis que Auga faranche unha proba de nivel para atopar a forma máis axeitada de que vaias progresando. Comezarás cunha proba sinxela, na que mostrarás a túa técnica es estilos básicos coma o croll ou espalda e, dependendo diso, da túa condición física e o reticente que poidas ser á auga, irás a parar a unha destas catro categorías: Descubre, Progresa, Perfecciona e Máster.

2. Motívate. Non, non eres nin Perfecciona nin Máster. Con sorte, Progresa, pero tocouche Descubre. E vas precisar moita forza de vontade para comezar dende cero. Pensa que ninguén nace aprendido e que estamos aquí para axudarche. Apóiate no teu técnico de piscina e nos teus compañeiros. Comparte experiencias, ilusións, e verás como todo é moito máis fácil.

3. Fixa un obxectivo. Para acadar un obxectivo, primeiro debes ter un obxectivo que acadar. Fixa un a curto prazo. Concéntrate en avanzar niveis pouco a pouco. Comeza por acadar o nivel suficiente como para aguantar un adestramento, nadar 200 metros seguidos, ou incluso chegar ata a categoría Máster. E, se eres máis de auga salgada, pon moito empeño para mellorar a túa técnica e poder participar no noso grupo de travesías. En ningún lugar serás tan libre coma no mar!

4. Se constante. Non chega só con asistir a unha clase semanal. Debes atopar dous ou tres ocos á semana para practicar o aprendido na clase nas túas horas libres. E, se eres constante, vas descubrir que de repente comezas a gozar coa natación, ou que a rehabilitación que che recomendou o médico por fin dá os seus froitos.

5. Busca un complemento. Para nadar é importante a forma física. Se cres que non basta co traballo en piscina, busca algunha actividade complementaria coma acuatraining ou acuastrong, que che permita avanzar na túa condición. Calquera planificación de traballo que implique forza tamén é recomendable á hora de practicar natación.

E non lle des máis voltas, atrévete a probar. Quizais descubras unha nova paixón!