CHELO CASTRO, MADRIÑA DE  MÁIS QUE AUGA COIA POR ACLAMACIÓN POPULAR

11/04/2021

Que somos unha familia é algo que vos repetimos moitas veces, pero esta vai ser a primeira vez que vos falemos da madriña de Máis que Auga Coia. Ela é Chelo Castro, que con 82 fermosos anos, regálanos vida, primeiro coa súa vitalidade incrible, e despois coas súas doces  sobremesas que nos trae sen parar.

 

Hai uns anos Chelo decidiu “adoptarnos” como afillados e sempre en Semana Santa aparece coas súas roscas polo centro. E se se decata de que alguén quedou sen a súa ración, volve cociñar para que teña o seu anaquiño de rosca da madriña Chelo, tal e como a bautizamos en  Coia. Pero a verdade é que para Chelo calquera momento é bo para obsequiarnos con algo. No Entroido aparece con orellas; en Nadal trae bombóns e, cando lle peta, porque si, tráenos biscoitos, madalenas ou o que se lle ocorre! Así que despois de comer e gozar, porque son sobremesas caseiras deses que dá gusto saborear, toca facer deporte!

 

Cando falamos con ela dinos que goza facéndoo. “En  Máis que  Auga síntome como na casa, cos traballadores e cos meus compañeiros, así que me encanta compartir con eles o que podo, son feliz facéndoo”. Ela métese na cociña e goza moitísimo, polo que nunca deixa de sorprendernos cos seus ricos cociñados, e sobre todo coa súa alegría innata. E o mesmo fai no seu edificio, onde tamén ten o seu alcume. Se en  Máis que Auga é a nosa madriña no seu edificio é a “Avoa veciña”. E ela encantada coa súa enorme familia!

 

Chelo ten moi claro que é o que máis lle gusta de  Máis que Auga: As clases de Aquagym! Empezou hai sete ou oito anos e non a perde por nada! “Pásomo moi ben e os técnicos son estupendos!”, dinos. Ademais tamén vai a zumba, mantemento, a todo o que pode para seguir activa… Pero prefire as súas clases na auga, onde é absolutamente feliz.

 

Durante o confinamento botounos moito de menos e mesmo falaba con algún dos nosos técnicos por teléfono, así que tan pronto puido, regresou ás súas clases e as súas rutinas, que as necesitaba, porque leva máis de trinta anos facendo deporte. Chelo xa ten posta a primeira dose da vacina contra a COVID-19, así que agora está a desexar que lle poñan a segunda, para que aos poucos a vida se vaia normalizando.

 

Desde  Máis que  Auga queremos agradecerlle a Chelo todo o seu agarimo e vitalidade, que nos fai os días moito máis alegres… e doces!