Chegou o descanso do guerreiro para o Grupo Travesías

02/08/2019

O grupo Travesías de  Máis que  Auga baixou o pano ata a próxima tempada. Os nosos “pescaítos” pasáronse dez meses na auga, xa o seu hábitat natural, e gozaron primeiro dos adestramentos semanais nas nosas instalacións e, a partir de maio, saíndo á praia, en busca de novas experiencias.

Ano a ano o grupo crece e a evolución, da man dos nosos técnicos Alex Brea e María Vilariño, é evidente. Así nolo explicou Alex Brea: “Este ano o grupo pegou un enorme salto. Subimos moitísimo no número de inscritos na actividade e cada sábado que iamos á praia eramos entre 35 e 40 persoas na auga. Ano a ano imos crecendo, nótase que a xente confía no noso traballo e o boca a boca está funcionado”.

Para formar parte deste grupo de anfibios, o  usuario ten que ter contratado un curso de piscina ou ben a actividade de Travesías. Ademais, para poder saír á praia do 1 de maio ao 31 de xullo, é necesario contratar un seguro. A actividade pasa entón das piscinas en Navia,  Coia e Barreiro, á praia do  Vao todos os sábados á primeira hora da mañá, nun adestramento que encanta: “gózase moito desta actividade ao aire libre que é totalmente diferente á piscina: relaxa moito, dá moita paz, saes moi motivado da auga… Ademais, verte no mar con 25 ou 30 persoas máis, á xente que ten un pouco de medo ou está máis insegura, axúdalle moito”. Este ano fixeron un adestramento moi especial, no que deron a volta á illa de  Toralla e participaron en varias travesías, como as de Bueu, Baiona ou Casta  Serea.

Aínda que acaban de pechar a tempada, os nosos técnicos xa están a pensar na próxima: “Este tempada finalizou o sábado pasado e volveremos ao traballo o primeiro sábado de outubro nas piscinas, co obxectivo de tentar seguir crecendo e que cada vez sexamos máis persoas no mar”, finalizou Alex.