A mellor árbitro internacional está en Máis que Auga

20/03/2016

María Bautista Maestre, viguesa de 37 anos, foi galardonada có premio nacional a mellor xuíz árbitro internacional de taekwondo. É a monitora desta disciplina nos nosos tres centros Máis que Auga.
Fai uns días foille entregado este premio na gala anual da Real Federación Española de Taekwondo, celebrada en Leganés. María Bautista foi recoñecida como a mellor árbitro internacional durante 2015, un galardón que valora a súa entrega e dedicación a este deporte en tódalas actividades internacionais do pasado ano. “Estou moi contenta por ese premio e non podo negar que mo esperaba. Traballei moito a nivel internacional”, recoñece. O seu dominio do idioma inglés axudou xa que participou, ademais de como xuíz-árbitro en moitas competicións, noutras actividades como a tradución de regulamentos internacionais a castelán, ou de intérprete en moitas reunións e convencións deste deporte.

María Bautista, con vestido azul.

María Bautista, con vestido azul.

A súa entrega a este deporte é total. É vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo (FGT), presidenta do Comité de Disciplina Deportiva da FGT, responsable de formación arbitral a nivel galego e español, subdirectora de arbitraxe da Federación Española de Taekwondo e tamén ten varios cargos neste deporte a nivel europeo e mundial.
A súa traxectoria deportiva estivo sempre vinculada ao Club Kiap, un histórico da nosa cidade, e desde fai dous anos pertence ao Sares TKD de Cangas. Antes de ser árbitro foi taekwondista. É cinto negro, ten varias medallas a nivel galego e logrou un campionato Open de España na modalidade de trío.

Non é o primeiro premio que recibe. María foi recoñecida como mellor árbitro de Galicia 2005 e de España en 2006. Pero, sen dúbida, o que máis ilusión lle fixo foi o recibido en 2008 por parte da Xunta de Galicia. “Era o recoñecemento ao mellor árbitro daquel ano de tódalas disciplinas deportivas de toda Galicia. E iso é o máximo que me podía pasar”, explica.
En Máis que Auga cumpre a terceiro curso como adestradora de taekwondo, impartindo as súas clases nos centro de Barreiro, Coia e Navia, de luns a xoves. Para ela, “é un dos proxectos deportivos máis interesantes que coñecín e unha aposta moi boa para a cidade de Vigo”. E engade que o que máis lle gusta “é traballar cos pequenos. Non sería nunca adestradora de elite. Iso xa non sería deporte para mín”.Actualmente a súa vida é Máis que Auga, o negocio familiar e as súas viaxes ao estranxeiro cada fin de semana para arbitrar. “Por iso os venres non traballo, xa que ese día inicio os meus desprazamentos aos diferentes países. O meu tempo libre limítase ao que me deixan as competicións no estranxeiro, facer algo de turismo e coñecer a moita xente do meu deporte”. Estivo en prácticamente a metade dos países de Europa, en Estados Unidos, Túnez, Exipto, Korea e Tailandia. O país que máis veces visitou é Azerbayán. Toda unha campioa que de luns a xoves podémola gozar nas clase de taek en Barreiro, Coia e Navia. Noraboa María!