CHANO RODRÍGUEZ REGRESOU Á COMPETICIÓN INTERNACIONAL CON BOAS SENSACIÓNS E MELLORES TEMPOS

19/10/2020

O  deportista Máis que Auga Chano Rodríguez regresou esta pasada fin de semana á competición internacional e fíxoo con boas sensacións e magníficos tempos.

 

E iso a pesar de que todo foi moi precipitado. O nadador paralímpico acudiu á Serie Mundial de Berlín de natación paralímpica sen saber se podería competir. Pero alí se foi, coa proba  PCR realizada (e negativa), uns voos case imposibles para chegar a Berlín e a confianza de poder saír a nadar, a pesar de que non se preparou de forma específica para esta proba.

 

Competiu e, como sempre, Chano non decepcionou. Logrou meterse nas finais de 200 e 50 metros libres e ademais acadou bos tempos e mellores sensacións, despois de case un ano sen competir. O balance desta competición é moi positivo, sobre todo por como transcorreron as cousas e polo feito de que non se preparara para chegar no mellor estado físico a Berlín.

 

Chano estaba moi satisfeito: “Quedei primeiro da miña categoría en dúas probas e segundo noutra, pero iso sería o de menos se non fose polos tempos. Pola mañá fixen un tempo moi bo e pola tarde, xenial. Quedei moi  cerquiña das mínimas para Tokyo tanto en 200 como en 50. Así que, con máis confianza, a seguir traballando na piscina de Máis que Auga”. Porque Chano traballa por un soño: Disputar os seus sextos Xogos Paralímpicos con 63 anos.

 

Ademais, ten varias competicións previstas para os próximos meses: A mediados de novembro en Cádiz; despois unha concentración co equipo nacional en Lanzarote e para finalizar o ano, en decembro, un torneo en Oviedo.