CHANO RODRÍGUEZ ESTARÁ NOS SEUS SEXTOS XOGOS PARALÍMPICOS

17/06/2021

Logrouno! Foi na última oportunidade, no Open de Berlín, e na proba matinal, pero Chano Rodríguez, que levaba varias probas rozando a mínima coas xemas dos dedos, por fin a alcanzou!

 

Chano conseguiu en 200 metros libres, a súa proba, esa marca de 2:54:00 que necesitaba para clasificarse para Tokyo. Así nolo explicou o nadador dende Berlín: “Fíxose de rogar, eh. Era o máis veterano da selección e o último en lograr a clasificación para Tokyo. E tivo que ser na última oportunidade que nos quedaba. Fixen sufrir un pouco ao Quillo -Alex Brea, o seu adestrador- e a miña nai”.

Agora pode gozar do resto do Open, na que vai a participar xa sen presión algunha. É máis, incluso asegura que ten ilusión pola proba dos 50 metros libres, que se disputará o sábado, a pesar de que está lonxe da marca, “é unha proba que me apetece disputar e ver que pasa”.

 

Así, pechou o ciclo olímpico máis longo, xa que durou cinco anos pola pandemia. Chano Rodríguez certificou que cumprirá o seu soño de participar nos seus sextos xogos Paralímpicos. Hoxe chanceaba sinalando que “Teresa Portela e eu somos os galegos con máis Xogos da historia. Comezamos en Sydney 2000 e se todo vai ben, remataremos en Tokyo… Ou quen sabe, igual algún chega a París!”. Chano Rodríguez estará nos seus sextos xogos paralímpicos, será o máis veterano da selección con 64 anos e un dos máis laureados, con 16 medallas. Pero iso si, coa ilusión dun principiante.