CHANO RODRÍGUEZ E DISCAMINO VISITAN O CAMPUS MÁIS QUE AUGA

22/07/2021

No campus multideporte Máis que Auga hai experiencias únicas e diferentes para os nosos  rapaces, nas que non só xogamos, divertímonos ou facemos deporte, senón que tamén procuramos ensinarlles a convivir en igualdade.

 

Este mércores tivemos un momento moi especial, xa que os nosos mozos e mozas recibiron a visita de Javier Pitillas, presidente de Discamino, e de Chano Rodríguez, nadador paralímpico, quen lles explicou que as persoas con capacidades especiais son persoas con soños, con desexos, con obxectivos igual que todas, e que, con sacrificio e esforzo, poden alcanzalos.

 

Así os nosos  rapaces primeiro coñeceron a Chano Rodríguez, que está a piques de disputar os seus sextos Xogos Paralímpicos en Tokyo. Chano levou as súas medallas olímpicas e os pequenos/ as puideron collelas, conversar co noso campión e entender que, sen esforzo, non hai resultados.

 

Posteriormente, chegou o momento de  Discamino, con Javier  Pitillas á fronte e con Gerardo, David, Mónica e Javi, para contarlles a súa experiencia persoal. Tal e como lles contaron,  Discamino naceu en agosto de 2009, cando Gerardo (un mozo xordo e cego) cumpriu o seu soño de realizar o Camiño de Santiago. E cando o acadaron, Gerardo díxolles que quería repetir e que quería facelo con outras persoas con problemas como el. Desde entón, a familia de  Discamino non deixou de crecer e actualmente son 125 as persoas que fan deporte con eles. Puideron ver en vídeo os seus grandes retos e Gerardo, David (con parálise cerebral), Mónica (con  paraplexía) e Javi (con parálise cerebral) contaron aos máis pequenos os seus soños e como os alcanzaron e animáronlles a valorar as pequenas cousas de cada día. Ademais, como sempre din na súa asociación, Mónica lembroulles que “ninguén che diga que iso non se pode facer. Con esforzo conséguese calquera cousa”.

 

Posiblemente neste día no campus Máis que Auga houbo menos deporte, pero tamén moito máis corazón. Os nosos pequenos e pequenas coñeceron a persoas valentes, decididas, traballadoras, divertidas, que se enfrontan ás dificultades do día a día cun sorriso e compren os seus soños grazas á colaboración de voluntarios/as que dedican o seu tempo e agarimo a cumprir uns soños que enseguida se converten en propios. Así, un pouco máis sabios, os pequenos volveron aos seus xogos sabendo que “con esforzo todo é posible”.