CEN ANOS DE SENTIMENTO CELESTE

23/08/2023

O 23 de agosto de 2023 é un día importante para Vigo e os vigueses. Hoxe, o noso club, o Real Club Celta de Vigo, cumpre cen anos e con el cumprimos todas e todos os vigueses, todas as persoas que teñen o corazón pintado en celeste, que sufriron nos descensos e vibraron nos ascensos, que sacaron peito e orgullo cando o fútbol do Celta era respectado en toda Europa e que agora cantan con emoción o himno do Centenario, co que C. Tangana logrou tocar a fibra a aqueles que se lles estaba apagando.

 

Así que, se o Celta e Vigo están de aniversario, Máis que Auga tamén, porque Máis que Auga é Vigo. E que fixemos esta vez? Pois simplemente mirar arredor. Porque é habitual ver a varios abonados/as lucindo a camiseta celeste durante os seus adestramentos no ximnasio; porque temos socios/as que nos contan como foi o partido do domingo, porque hai traballadores/as que levan ao Celta no corazón desde nenos, porque vimos xogar nas nosas pistas de pádel a Berizzo, porque temos a xogadores das categorías inferiores do Celta adestrando nas nosas instalacións; porque o gato de Catoira é un dos nosos, porque se celebrou o torneo da Fundación Celta de Vigo nas nosas instalacións….

 

E para expresar o noso sentimento celeste, falamos con Edu Davila, monitor de Máis que Auga Coia, que vai a Balaídos a ver ao Celta desde que era un pequerrecho. “Son socio desde hai 32 anos aproximadamente. Empezamos indo o meu irmán e eu co meu avó e co meu tío a Balaídos sendo moi pequenos a Río Alto. Ao principio non eramos socios e desde o ano 90 xa nos fixemos abonados”. Ao ver a foto que nos manda – Edu é o pequeno – preguntámonos cuantos anos tiña, e Edu cre que uns cinco: “Non pagabamos entrada e pasábannos na porta por baixo do torno, como nos Vitrasa”, chancea.

 

Agora mesmo, Edu é abonado de Río Alto xunto á súa muller e varios amigos e conta co número de abonado 1181. Viviu moitas cousas, xa que tratou de estar en todas as citas históricas posibles, como as finais de Copa de Madrid e Sevilla; a Champions; a semifinal da UEFA co Manchester en Vigo, no ascenso de Lleida; no partido de Tarragona que nos deu a posibilidade de ascender cun empate no último partido… Como nos conta Edu, “os momentos bos son os fáciles de vivir, os complicados son os descensos, os partidos ás doce da mañá en Segunda… Pero iso é o Celta”.

 

Xogadores favoritos ten varios e sen dúbida, non ten mal gusto Edu: “Borja Oubiña, Mazinho e Iago Aspas” e cando lle pedimos un desexo polo centenario, non dúbida: “Un título por suposto, pero sobre todo seguir facéndoo ben e manternos en Primeira, que é o máis importante”, concluíu este celtista de berce.

 

E se primeiro buscamos no noso equipo, despois fomos a en busca dun abonado de Máis que Auga, que tivese o seu carné do Celta. Outra vez acertamos ao máximo, xa que é un home do fútbol e leva o celeste en sangue e en pel, xa que ten o escudo tatuado na súa perna. El é Aitor González, socio do Celta desde neno, e home de fútbol, xa que actualmente é adestrador e coordinador de fútbol 8 no Santa Mariña, un club polo que pasaron xogadores da talla de Iago Aspas, Rubén Blanco, Brais Méndez ou Gabri Veiga. Aitor contounos a súa historia celeste: “Eu empecei a ir ao Celta cos meus pais e o meu irmán pequeno desde que era moi pequeno. Hai uns anos eles déronse de baixa e eu continuei como socio de Río Alto. Ao principio só, pero desde hai pouco vou coa miña filla pequena, á que fixen socia o día que naceu. Agora ten ano e medio e imos xuntos a Balaídos”.

 

Seguro que se botamos a mirada atrás, todos fixemos “algunha gorda” por culpa desa paixón, dese amor inconfesable. Pois a anécdota de Aitor é moi simpática. A selectividade comezaba para noso abonado un luns e o domingo xogábase en Balaídos o ascenso do Celta a Primeira. Onde credes que estivo Aitor o domingo?  Acertáchedes, en Balaídos! Pero aquí ven o mellor: “O meu titor, que coñecía a miña tolemia polo Celta chamoume ao acabar o partido para ver se estaba na casa (que non) e pediume que volvese e que non fora a celebralo”. Si. Aitor aprobou a selectividade!

 

Cando era pequeno, o seu xogador favorito era Mostovoi, pero actualmente ten claro que “Iago Aspas é o mellor xogador que tivo o Celta na súa historia, porque é un referente. Para o Celta o é todo. O día que Iago Aspas non estea, perderase un pouco a identidade do club, porque o é todo: canteirán, celtista e un grandísimo xogador”. E o seu desexo polo centenario, un soño para todos os celtistas: “Encantaríame un título, pero senón clasificarnos para Europa, sería un bonito premio”.