CELEBRAMOS OS CEN ANOS DE ISABEL VÁZQUEZ, QUE SE CONVERTE NA NOSA SOCIA DE HONRA

04/08/2023

A familia Máis que Auga está a vivir un aniversario moi especial. A nosa querida socia Isabel cumpre 100 anos de vida e nós non podiamos deixar pasar esta data sen unha celebración como se merece.

 

É moi posible que xa coñezades a Isabel Vázquez, porque falamos con ela nun par de oportunidades, pero esta é, sen dúbida, a máis especial. A nosa abonada de máis idade cumpre hoxe 4 de agosto cen anos e Máis que Auga quixo celebralo nomeándoa socia de honra e obsequiándoa cun abono gratis á instalación para sempre.

 

Isabel Vázquez celebrou o seu cen cumpreanos coa familia MQA.

Así que nos citamos con Isabel, como noutras ocasións, e sentámonos a falar un ratiño con ela, porque nos enche de alegría e vida. E é que é un pracer conversar con ela. Lembrounos que é socia de Barreiro desde o primeiro día, porque “eu antes ía a As Travesas, pero cando dixeron que se ía a abrir esta instalación no meu barrio, non o dubidei”. E desde entón, só co parón obrigado da COVID, nO que se tivo que quedar na casa, foi unha das nosas abonadas máis fieis.

 

Isabel só se queixa de perder oído -ten un audiófono- pero con respecto ao aspecto físico, afirma que se atopa de marabilla: “Ás veces algún dolorciño, pero pásaseme vindo aquí. Teño claro que, se non viñese, non estaría así de ben”, manifesta.

 

Isabel chega ao noso centro de Barreiro coa súa mochila chea de ganas e vitalidade. Dáse un percorrido por case todas as máquinas en sala –“adapto o peso ás miñas posibilidades”-, ademais da piscina, que é unha das súas paixóns. Vén normalmente dous días á semana e asegura que o deporte non só lle axuda no aspecto físico, senón tamén mental.

 

Nós gozamos falando con ela das súas cousas. Díxonos que ía celebrar o seu aniversario coas súas amigas, “que son máis novas. Teñen 80 ou así e para min elas son moi novas”, dinos vivaracha, e tamén presume de que lle fai a comida todos os días ao seu fillo Roberto  -presente na conversación-  e el refórzao cun “cociña moi ben”. En nada, presentámonos na súa casa para probar eses manxares! Ahhh, e é cantarina! Dinos que se pasa o día cantando por casa, “moitas cancións, de todo tipo, pero non as canto enteiras, só ata onde me acordo”, chancea con ese sorriso que lle chega aos ollos.

 

Desde Máis que Auga queremos felicitar a Isabel por estes cen anos e esperamos seguir gozando da súa presenza moitos máis. Noraboa Isabel!