CASTAÑAS E CABAZAS, ALIMENTOS DE TEMPADA E CON GRANDES PROPIEDADES

03/11/2019

Chega o outono e queremos recomendarvos alimentos de tempada, que ademais de ser económicos e sustentables, están moi ricos e son nutritivos.

Hoxe, desde o Gabinete de Nutrición de  Máis que  Auga Navia, imos recomendar dous alimentos que non deixades de ver estes días: A cabaza e as castañas. Imos demostrar que non só decoran en Samaín!

Cabaza

É un alimento rico en fibra (recomendable polo seu efecto prebiótico e recuperador da función intestinal) e micronutrientes, sobre todo antioxidantes, vitamina A e C

Como podemos cociñala? Hai multitude de posibilidades, tanto en doce como salgado, pero imos presentar algunhas opcións.

–             Nunha potaxe de garavanzos ou fabas e verduras.

–             Mesturadas con outras verduras asadas no forno como guarnición.

–             Unhas tortitas con avea, ovo e cabaza: o mellor almorzo

–             En forma de crema, moi suave e saborosa, conseguirás unha cea excelente

–             E se lle engades ovo, pataca e fariña, farás uns riquísimos ñoquis.

Castañas

Destacan pola cantidade de fibra e graxas saudables que nos achegan, ademais de posuír un índice glucémico baixo. Axudan a incrementar o nivel de enerxía, minimizando a fatiga. Aínda por riba, prolongan a sensación de saciedade. Teñen características similares aos froitos secos, coa vantaxe de que son máis baixas en calorías.

Achegan unha boa porcentaxe de vitaminas do grupo B (como B1, B2, B3, B5, B6 e B9) e de vitamina K.

Asadas e cocidas están  boísimas, e non poden ser máis sinxelas de preparar. Mesmo nunha tarde chuviosa, pode ser unha divertida actividade de cociña cos/ as nenos/as. Pero, por que non te atreves a facer unha crema ou puré como acompañamento? Coas carnes está espectacular con ese toque doce… O mellor é que te poñas o mandil e te animes a probar! Seguro que non te arrepentirás!