CAMPUS MÁIS QUE AUGA: NOVA REALIDADE, MESMOS SORRISOS

05/07/2020

Co campus de verán chegaron as risas a Máis que Auga! Primeira semana de campus e a alegría inunda o centro de Navia, cuns pequenos que non perderon as gañas de xogar e divertirse e que aproveitan cada minuto.

 

Son cinco días moi intensos para os nosos nenos que teñen todo tipo de actividades, dende robótica aos xogos de sempre, os de antes, que nunca deixan de divertir. Que cambiou? Pois o necesario… Os nosos pequenos chegan con máscaras, iso si, ben bonitiñas, e a súa propia comida e bebida, que non se pode intercambiar. Que toca pintar? Pois cada neno ou nena ten o seu propio cubilete cos seus lapis. Que rematamos a actividade? Pois limpamos todos xuntos o material. Nesta primeira semana tivemos dous grupos, un para os máis pequenos (4-5 anos) e o outro para os “maiores” (de 6 a 12).

 

Para Xoa, de 9 anos, é a primeira vez que participa nos Campus de Máis que Auga. Veu coa súa irmá pequena María Hanh (5 anos), pero están en grupos diferentes, xa que María vai cos máis pequerrechos en Máis que Peques. Ambas estarán todo o mes con nós. Para os pais de Xoa e María, pesou moito na elección do campus, a organización con respecto as medidas de seguridade.

 

A piscina foi a actividade favorita de Xoa desta semana, mentres que a súa irmá prefire o baile, xa que é algo que lle gusta moito de sempre. María estaba precisamente en clase de baile cando falamos con ela, xunto con Laia, de 4 anos, que tamén estaba moi contenta co baile, e aseguraba que o que máis lle gustaba era facer “relevé”. Laia recoñecía que a máscara era un pouco incómoda porque “teño calor”, pero “cando estamos xogando fóra podemos quitala ou na piscina…”. O mellor, estar con máis nenos e nenas, confirman todos a unha.

 

Despois da clase de baile, os máis pequenos ían a pádel e Leo estaba encantado, porque “me gusta o pádel e non me canso xogando”. Porque ao remate do día acaban moi cansos. Despois de tanto tempo cunha actividade física moi recortada, estalles costando físicamente, tal e como nos conta o coordinador do campus de verán de Máis que Auga, Juan González, que fixo balance desta primeira semana: “Os nenos tiñan unha verdadeira necesidade de estar con amigos, de relacionarse, xogar, saltar… Tamén é certo que están cansos, son cinco horas de actividade diaria e perderan o ritmo! Pero en xeral nós estamos moi contentos e tanto eles como os seus pais e nais, tamén”.

Campus 2020

Unha das novidades deste ano é que, ao non poder facer saídas, ampliáronse as actividades, con materias novidosas como robótica, que está a encantar. Aos nenos e nenas se lles entrega unha caixa con pezas como dun lego, pero unha delas ten un software, que se conecta a unha táblet e a partir de aí, vailles guiando para crear o robot e para conseguir que este camiñe. O máis curioso é ver que fronte á robótica, os xogos populares de sempre, tamén están a ter unha enorme aceptación entre os peques. O xogo das cadeiras, brilé, balón prisioneiro, trompo, canicas… “Facemos xogos que xa tiñan esquecidos e están aprendendo cousas novas, xa que estamos a facer actividades diferentes, entretidas, xogos colectivos de carácter individual… Pero o que máis notamos é que necesitan compañeiros e amigos para xogar e pasalo ben”, concluíu Juan, que xa pensa en como sorprender aos nenos que comecen a próxima semana.

 

Aquí tedes o horario da primeira semana do Campus Máis que Auga Navia.

Se queredes información sobre os campus Máis que Auga, só tedes que preguntan na recepción de calquera dos nosos centros, onde poderán informarvos sobre todo. Ademais, os deixamos este enlace, para que poidades coñecer horarios, quendas, prezos…