BRONCE PARA JUAN SAAVEDRA NA COPA DO MUNDO DE TIRO DE MUNICH

20/07/2022

O noso deportista paralímpico Juan Saavedra conseguiu unha medalla de bronce na proba de 50 metros carabina aire tendido R6 da Copa do Mundo de Tiro de Munich, que se celebrou estes días (do 12 ao 20 de xullo).

 

Non foi unha proba sinxela para o noso deportista Máis que Auga, a pesar de que brillou na clasificación, na que logrou o pase para a final coa mellor puntuación dos 33 participantes. Con todo, na final de oito comezou moi mal. Na primeira parte da competición, despois de dez disparos, ía no último posto con 101.4 puntos. Pero chegou o momento da remontada para Saavedra, que non se rendeu e comezou a atoparse cada vez mellor e con máis seguridade nos seus tiros para ir recuperando posicións ata colocarse terceiro. O pontevedrés asegurou a medalla no duelo ante o surcoreano Sungchul, cun disparo no que obtivo unha puntuación de 10.4 puntos, fronte aos 10 do asiático. Por diante do noso deportista Máis que Auga, a vixente campioa paralímpica, a eslovaca Veronika Vadovicova (ouro e récord do mundo con 251.9 puntos) e a alemá Natascha Hiltrop, que foi prata.

 

Tras esta proba, e coa tranquilidade de conseguir subir ao podio, Saavedra aínda participou na competición de carabina de aire 10 metros, pero aquí non estivo tan acertado. O pontevedrés comezou moi mal e despois, aínda que remontou, non tivo opcións de meterse na final.

 

Agora a próxima cita internacional importante será xa en novembro, cando se celebrará o Campionato do Mundo en Emiratos Árabes. Este Mundial ademais terá valor dobre, xa que é clasificatorio para os Xogos Paralímpicos de París, que serían os sextos para Juan. Precisamente a clasificación para os Xogos é o obxectivo fundamental da presente tempada, segundo nos explicou el mesmo. Así que desde aquí, só podemos desexarlle moita sorte a Juan Saavedra!