Do bol de Jana aos 23 metros cadrados do piso de Charles

19/05/2020

Do  bol de  Jana aos negróns de Charles. Foron moitos e moi divertidos os momentos que puidemos compartir na última  webinar dos luns en Instagram. Nesta ocasión  Jana, Charles e  Xandre (este en menor medida polos problemas de conexión) explicáronnos como organizaban as súas clases desde casa, as dificultades que se atoparon e os materiais que improvisaban.

 

A nosa  Jana recoñeceu que o inicio foi duro. Poñerse ante unha cámara, facer os exercicios sen saber quen está seguindo a clase, como te está entendendo, foi un reto complicado os primeiros días. “Paseino mal e recoñezo que me caían as bágoas, pero só os primeiros días. Despois, todo risas”, explicou  Jana. A dificultade é evidente: “nós temos que coidar a saúde da xente desde casa e é unha responsabilidade moi grande, porque ti non sabes quen está alén e como se atopa. Así que tes que dar a clase con moito coidado, cunha linguaxe moi sinxela e moi claro”.

 

A medida que pasaban os días, que a través de redes ou do  wasap chegaban as reaccións da xente,  Jana recuperaba a súa positividade innata e comezou a gozar.  A nosa técnica explicou como planificaba o traballo: “Tes que sentarte, pensar na xente e preparar as clases, porque unha complementaba a outra. Eu apuntaba todo nun caderno, con debuxos dos exercicios, ensaiábao e medía o tempo”. E miúdo caderno que fixo!

 

Jana probou distintos escenarios en casa (ata catro) e buscou entre as súas cousas, diferentes materiais para facer deporte. Os seus favoritos: A cadeira, o pau da escoba, os  leggins ou medias, os coxíns, un  molde de biscoito ou a pelota feita con calcetíns.

 

E para despedirse,  Jana lembrou as ganas que ten de volver ás clases “ao natural”, “porque para nós o mellor agasallo é o sorriso e o contacto coa xente”.

 

Charles explotou ao máximo os 23 metros cadrados do seu piso, no que entramos cada día desde o 1 de abril, en especial na súa cociña. Charles comezou explicando que levou bastante ben o confinamento: “grazas ás clases e aos estudos da Universidade estaba ocupado. Pero claro, se non tivese isto, encerrado nun piso de 23 metros cadrados, só e sen poder saír, volveume tolo”.

 

No seu pequeno piso non era fácil facer as clases, pero Charles pensa que iso tamén foi un reto: “Eu vivo nun piso moi pequeno, pero como eu, moitas persoas e demostramos que non hai escusa, pódese adestrar e bailar na túa casa, nun espazo de 1,60 de ancho”. Iso si, tamén nos contou que se deu moitos golpes contra a parede e a proba está nos negróns que tentaba disimular cos pantalóns longos.

 

Anécdotas, varias, pero a mellor foi cando no inicio dunha clase de  pilates estaba sentado sobre un  taburete e este afundiuse ata acabar o noso técnico no chan nunha curiosa “cámara lenta, porque non rompeu de golpe”.

 

E sobre material, que dicir. Charles explicou que cunha simple cinta podes marcar unha zona; cunha bolsa e uns trapos podemos facer unha pelota… Ás veces o máis sinxelo é o que mellor funciona, ademais de que o noso propio corpo é o mellor material”.

 

E quedámonos coas ganas de ver e oír a  Xandre, xa que a pesar dos intentos de Rebeca Ruibal, que volveu exercer de moderadora, non houbo forma de conectar. Só nos deu tempo a escoitarlle dicir que “eu non estaba moi ao día nisto das redes” e que o inicio foi complicado, tal e como nos contaba  Jana: “É unha experiencia nova e ao principio custoume un pouco porque non tes  feedback, é comunicación só nun sentido, sen resposta. Pero, aos poucos, adáptaste”. O peor, non verlles as caras, está claro, “tes que preparalo e tentas chegar a todo tipo de público, pensar no que teñen en casa…”, pero resumiu dicindo que “estou moi contento polo feito e polos meus compañeiros”. E aí, a conexión dixo basta!

 

Pero se queredes máis, por unha banda, non vos perdades a charla completa na seguinte ligazón, e tampouco deixedes de seguir as súas clases en  Casagym. Toda a súa alegría, a súa enerxía e a súa positividade coaranse na túa casa!