BMW Pádel, unha cita de altura en Máis que Auga

01/04/2019

Máis que Auga vén de celebrar unha fin de semana arredor do pádel. Da man dos concesionarios BMW, dende o xoves 28 ao domingo 31, o centro de Navia abriu as portas das súas pistas ao Circuíto BMW Pádel Grand Tour, do que Máis que Auga foi sede oficial no sur de Galicia.

Foron 250 os xogadores e xogadoras que se citaron no circuíto para loitar polo título de campións nas 11 categorías, nunha atmosfera competitiva, mais tamén chea de compañeirismo e deporte.

A xornada do xoves arrancaba cedo e devagar, coas primeiras parellas de xogadores do cadro de consolación masculino da terceira categoría nas pistas. O xogo comezaba suave, pero xa se podían adiviñar as intencións: poñer na pista todas as habilidades adquiridas nos últimos meses. Ao ritmo que pasaban as horas, subía o nivel na moqueta. E non baixou ata pasadas as 21.00 horas, cando a primeira sesión do circuíto pechou en Máis que Auga, cun cadro de clasificacións xa máis claro, e no que cinco categorías diferentes xa facían acto de presenza.

O venres, tamén dende primeira hora da mañá, o recinto de pádel do centro de Navia converteuse nun ir e vir constante de deportistas en busca do seu obxectivo. A intensidade da xornada incrementouse ás 19.00 horas, cando os primeiros xogadores da categoría BMW entraron na pista. “Nos gustaría ganar el torneo para poder ir a la fase final. Ya estuvimos en alguna otra ocasión y nos encantaría poder repetir”, comentaba Federico Babé. E falaba tamén polo seu irmán, Ramón Babé, a súa inseparable parella deportiva. Non sabía que o mellor estaba por chegar.

O circuíto aumentaba en intensidade o sábado pola tarde dende o comezo da xornada. E aumentaba tamén o nivel de expectación por parte do público. Maiores e cativos achegáronse ás pistas de Navia para darlle folgos aos seus seres queridos, que xogaban, a estas alturas, o partido decisivo. A metade deles recibiron con moita emoción o pase á final e, a outra metade, contentouse co feito de ter chegado ata alí. E non por iso deixou de voltar. O domingo, ninguén puido evitar pasar polas pistas de Navia ás 11.00 horas, cando os xogadores profesionais da World Pádel Tour, Álex Ruiz e Seba Nerone, dirixiron unha master class de pádel que xerou o momento de maior expectación nas pistas de Navia. E, mentres o clínic daba paso á exhibición por parte de ambos profesionais no medio dos aplausos e o abraio dos espectadores, nas pistas veciñas cinco parellas de xogadores e xogadoras rivalizaban polo trofeo. A sorte estaba botada e foi ás 13.30 horas cando o deporte deu paso ao festexo.

Recolleron os seus trofeos as parellas Federico Babé e Ramón Babé, na categoría BMW masculina e Arantxa Vello e Tatis González, na feminina. Na segunda categoría masculina, resultaron gañadores Tarek Rodríguez e Jorge Gómez, e Yaiza Rodríguez e Lucía Constenla na feminina. Na terceira categoría masculina Jesús Montes e Daniel Lamas levaron o trofeo para a casa e, na feminina, Marta Gamallo e Lucía Rey resultaron vencedoras.

O sorteo de varios agasallos e o posterior pincho para repoñer forzas pecharon a cita, que deixou entre os asistentes moitas gañas de repetir a experiencia.

Agardamos poder vernos o vindeiro ano!