BENEFICIOS DO BALLET PARA ADULTOS

30/01/2022

É un deses mitos, desas frases feitas que se repiten e que, en moitas ocasións, son incorrectas. Cantas veces oíches que se queres facer ballet tes que empezar desde a nenez? Pois, a non ser que queiras ser bailarina profesional, iso non é certo! A danza non ten idade e pódese aprender e gozar dela en calquera etapa da vida, incluso partindo de cero.

 

Ademais, ten grandes beneficios para o practicante. De entrada, bailar, sexa cal sexa o estilo, é unha fantástica actividade cardiovascular, que ademais permite o desenvolvemento da coordinación, a forza, a elasticidade, a resistencia…. Pero o ballet clásico ten algunhas vantaxes específicas, como que se traballa tanto corpo como mente; exercitamos todos os músculos do corpo; permítenos loitar contra o envellecemento; achega enerxía positiva….

 

Na seguinte ligazón, poderás ler un interesante artigo sobre o ballet de adultos e os seus beneficios para a saúde.

E se queres probar, telo moi sinxelo. Nos centros Máis que  Auga de Navia (luns e mércores, 21:00 horas) e de Barreiro (martes, 19:00) podedes acudir ás clases de ballet fitness, nas que a nosa técnica Débora Lima contaxiarache o seu amor polo ballet.  Débora cóntanos en que consiste o ballet fitness: “É unha disciplina deportiva de baixo impacto, que fusiona a danza clásica e o fitness. Ten o foco en  reeducar a postura corporal, o equilibrio,  tonificación muscular, resistencia, mellorar a coordinación, flexibilidade e elasticidade, queimar calorías e tamén axuda a exercitar a memoria”. E non pensedes que este curso é só para mulleres, porque estariades moi equivocados! Son moitos os homes que acoden a ballet fitness en busca de flexibilidade, equilibrio, mellora da postura corporal… E o máis curioso é que chegan doutras actividades a priori moi diferentes, tales como artes marciais ou  crosfit.

 

E se esta actividade é para adultos, tampouco nos esquecemos dos máis pequenos con ballet  kids, unha actividade para nenos e nenas a partir de 4 anos. Tamén podedes atopar este curso nos nosos centros de Navia (luns, 18:45)  e Barreiro (martes, 18:15), e podémosvos asegurar que o alumnado goza de xeito abondo dando os seus primeiros pasos de ballet ( plié ou relevei) e lucindo as súas camisolas, saias ou  tutús, ao son da música do Cascanueces.