BANCO DE ALIMENTOS REGRESA A MÁIS QUE AUGA TRALA PANDEMIA

20/11/2022

Achéganse as Festas do Nadal e tamén o momento da solidariedade con aquelas persoas que, nesta situación de crise económica global, se atopan nunha situación de vulnerabilidade. Por iso, despois de dous anos de ausencia pola pandemia da COVID-19, regresa a colaboración entre Máis que Auga e Banco de Alimentos de Vigo, para tratar de axudar ás familias máis desfavorecidas de Vigo.

 

Porque como di o lema deste ano de Banco de Alimentos, “Comer non pode ser un luxo” e nos últimos meses, con esas subidas imparables tanto na enerxía como na cesta de compra, cada vez son máis as familias que teñen que ser atendidas por Banco de Alimentos para poder chegar a fin de mes. Por iso, un ano máis, solicitamos a colaboración da familia Máis que Auga, tanto de traballadores como soci@s, que sempre responderon de forma excepcional.

 

Se queres colaborar con esta iniciativa, podes facelo deixando alimentos non perecedoiros no punto de recollida dos centros de Barreiro, Coia e Navia. A campaña, que comezou a semana pasada, finalizará o próximo día 27 de novembro e, como sempre, solicitamos produtos non perecedoiros, como aceite, leite, arroz, conservas, pasta, legumes, potitos para os nenos….

 

Ademais, desde Banco de Alimentos lémbrannos que os días 25 e 26 de novembro realizarán nos supermercados de Vigo e arredores a “Gran Recollida”, para a que non só necesitan a colaboración de todas e todos os que poidamos achegar, senón tamén de voluntari@s  para estar nos centros comerciais. Esta é outra das campañas emprendidas nestes días por Banco de Alimentos, xa que necesita contar con 2.000 voluntarios, entre os que se atopará a madriña deste ano, a xornalista viguesa Alba Lago.

 

Así que, esta é outra forma de achegar. Igual non podes doar comida, pero si entregar catro horas do teu tempo durante estes dous días para axudar na Gran Recollida. En principio, conta con colaboración de colexios da provincia e distintas empresas, entre as que tamén se atopa Máis que Auga, xa que varios dos nosos traballadores inscribíronse como voluntarios.

 

A continuación, deixámosvos a ligazón coa páxina web de Banco de Alimentos, onde poderedes inscribirvos como voluntarios:

Xa sabedes que toda axuda será ben recibida, na medida que cada un poida achegar. Grazas pola vosa solidariedade!