A AUGA, UN LUGAR SEGURO SEGUNDO OS EXPERTOS

29/09/2020

O día 1 de outubro comezan os cursos de natación para nenos en Máis que Auga e queremos aproveitar este momento para lembrarvos que a auga da piscina é un dos sitios máis seguros contra o Coronavirus.

 

Os expertos, en diferentes estudos, aseguran que a auga, xa de seu, é un sitio no que este virus se desactiva, pero ademais nas piscinas, ao ser auga tratada con cloro,  ultravioleta e produtos químicos de limpeza, a efectividade é maior, xa que todos estes produtos son os máis adecuados para “matar” ao virus.

 

Na ligazón, podedes ler este artigo da revista Muy Interesante, no que Joan Grimalt, investigador do Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da Auga ( IDAEA-CSIC), explica as pautas para seguir nas piscinas. Precisamente Grimalt é un dos autores do informe do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no que se afirma que a infección da Covid-19 nas piscinas é moi improbable e que a principal forma de contaxio sería por contacto entre persoas.

Por iso, este espazo é, sen dúbida, dos máis seguros, e a posibilidade de contaxio céntrase, unha vez máis, na relación entre persoas. Desde  Máis que  Auga tomamos todas as medidas necesarias para manter as distancias de seguridade entre os usuarios, seguindo as pautas marcadas por  Sanidade e buscando unha práctica deportiva segura e feliz para todas e todos.

 

Así que non esquezades que é necesario que levedes as vosas  chanclas, gorro, gafas e a máscara para acceder á zona de auga e que ao chegar ao acceso á auga, deixaredes o calzado e a máscara (importante levar unha bolsa plástica para gardala) nunha zona establecida. A circulación será circular para evitar cruces e habilitamos zonas de espera para os grupos co obxectivo de evitar aglomeracións. Nos vestiarios tamén é obrigatorio o uso da máscara e manter a distancia de seguridade.

 

Lembrade que nos cursos reduciuse o aforo dos grupos, o traballo na auga será máis individualizado e todo o material utilizado será  desinfectado antes e despois do seu uso. Como sempre, estaremos ao voso lado para resolver dúbidas. Acudide aos nosos técnicos/as cando o necesitedes! E a gozar das nosas piscinas!