ASÍ VIVIRON A VIGBAY FREIRE, ESTELA E NATALIA

18/04/2024

Unha nova edición da VigBay e un novo reto superado! Unha vez máis, o noso equipo de running Máis que Auga foi protagonista da xa emblemática media maratón, que une Vigo e Baiona e que mobiliza a máis de 5.000 participantes. E por suposto, non podía fallar o noso equipo, que acudiu alí cun total de 56 atletas dispostos a dar o mellor de si, a vivir unha experiencia única e a gozar dela. E así o fixeron!

 

Sabedes que nos gusta que coñezades aos nosos runners, aos que seguro vedes pola instalación ou correndo no exterior, así que hoxe traémosvos a José Manuel Freire, Natalia Castroseiros e Estela Ferreiro, todos eles “debutantes” este ano na VigBay.

 

José Manuel Freire, de 49 anos, é unha das recentes incorporacións ao grupo de running. Comezou no mes de setembro do pasado ano e culpables diso foron os nosos técnicos Jesús Abalde e Javi Vázquez. Porque Freire é novato no equipo de runners, pero en Máis que Auga xa leva varios anos cos seus adestramentos persoais xunto a Abalde, natación e tamén se suma cando pode ás actividades OutExperience, con Dani.

 

O noso socio destaca tanto ao grupo formado como aos profesionais de Máis que Auga, xa que todo iso unido axuda a adestrar e a tentar mellorar día a día: “É un grupo de xente excepcional en todos os sentidos, e ao final, o correr en grupo anímache a conseguir os obxectivos. Decidinme a facer esta primeira VigBay porque síntome moi a gusto adestrando e a maior parte dos compañeiros facíana, así que me lancei.  Ademais, quero destacar o traballo dos profesionais de Máis que Auga, sobre todo a Jesús e Javi, pero tamén Ana, Lucía e outros… Coa súa axuda foi posible”.

 

Freire asegurou que a experiencia foi moi positiva, aínda que “se me fixo un pouco duro o  primeiro tramo, os primeiros 6 ou 7 quilómetros. Fun bastante conservador, porque era a primeira vez e tiña un pouco de medo, pero a medida que avanzaba a carreira funme sentindo moi a gusto”. Tanto que xa pensa en repetir e en próximos obxectivos: “Gustaríame facer a media maratón de Vigo en setembro e, quen sabe, se sigo adestrando así, igual unha maratón”.

 

Outra debutante, pero nesta distancia, foi Nati Castroseiros, que en 2023 atreveuse coa distancia curta e este ano foi a por os 21 quilómetros. E non pode estar máis satisfeita e emocionada: “Foi unha das experiencias máis brutais da miña vida. Unha loita mente/corpo incrible, preparándome durante meses, aumentando entrenos, correndo días de choiva, de frío, madrugóns os sábados, completando entrenos na cinta cando había moito temporal… Foi un gran reto persoal que nunca me imaxinei que sería capaz de terminar”.

 

Nati explicounos que o salto á distancia longa xurdiu por unha provocación do técnico Javi Vázquez: “En decembro fixemos unha merenda todos os runners e picámonos con Javi facendo unha  aposta: Se iamos máis de 25 persoas á media, el corría… E aí foi a tolemia”. A nosa corredora necesitaba dar as grazas. Fíxoo con Javi: “Quero resaltar a profesionalidade de Javi, porque sen el isto non sería posible, en picarnos e en dicirnos que “podemos facelo” É o mellor sen dúbida!”. E claro, cos seus compis: “Tamén resaltar os compañeiros que teño, que tiraron de min para poder terminar a carreira. A Vigbay en si foi un pouco como a vida, momentos chulos, momentos moi duros, pero sempre dando unha zancada cara adiante para poder chegar ao obxectivo”, explicou.

 

Nati pensa que repetirá, porque a sensación que tivo ao chegar a meta, nun día con tanto calor, foi incrible, pero xa pensa en novos retos: “Os meus próximos obxectivos son Ciclauga, seguir facendo carreiras do RunRunVigo e facer un tríatlon no mes de xullo”.

 

E rematamos a nosa VigBay con Estela Ferreiro quen se estreou na proba curta e despois da experiencia asegura que “isto me axudou a decidirme a correr máis carreiras, probar e vivir novas experiencias e, por suposto, repetir na VigBay”.

 

Estela, de 33 anos, forma parte do grupo de running desde marzo de 2023 e todo empezou por que “vía á xente correr e dicíame a min mesma: “Oxalá eu fora capaz”. E coa insistencia da súa compañeira e amiga, Natalia, e tamén a de Javi, chegou o día da miña primeira clase”. E neste grupo todos póñencho moi fácil, tal e como nos conta Estela: “Todo o mundo recibiume como unha máis e desde o primeiro momento sentín como que os coñecía de toda a vida; o cal fai que tamén se formen amizades. É un grupo de 10, o que é realmente bonito e tamén fai que a clase sexa máis amena e divertida”.

 

A nosa runner nunca se atreveu a correr unha carreira, pero co apoio dos compañeiros/as –“que crían en min máis que eu mesma… Está claro que os límites llos pon un mesmo”- chegou a VigBay deste ano e aí estaba, na liña de saída.

 

“A experiencia para min foi moi boa, porque foi un reto persoal romper unha barreira que tiña e ver que si era capaz. Recoñezo que estaba un pouco nerviosa, pero grazas ao apoio dos compañeiros todo foi moito máis fácil aos cales lle dou as grazas polos ánimos e sobre todo a Ana que me acompañou, xunto con Sara, que tamén debutaba nesta carreira”, finalizou Estela.