ASÍ VIVIMOS A VIG-BAY MÁIS DESEXADA!

13/04/2022

Despois de dous anos de ausencia, volveu a  Vig-Bay e regresou tamén o equipo Máis que  Auga a unha das carreiras máis emocionantes da tempada. Había moitas ganas de competir e de facelo nesta proba, absolutamente carismática e o noso equipo de  runners, despois de meses de preparación, alí estivo, competindo e gozando.

 

Así, case 20  runners  Máis que Auga tomaron a saída ben na medio maratón ou na maratón, nun día importante para o noso equipo. Así que quixemos coñecer a opinión dalgún dos integrantes do noso equipo.

 

Falamos con Paula, que xa leva no equipo  MQA, máis de tres anos. Paula fixera atletismo de pequena, pero levaba varios anos sen adestrar, aínda que si que estaba a ir ao ximnasio. Alí decatouse de que había un grupo de running e non o pensou: “Realmente foi unha salvación para min volver rodar acompañada de moi boa xente. Non te vas dun adestro sen botarte unhas risas que compensan o esforzo, e os adestradores son uns  cracks, que adaptan todo sempre a mercé das nosas capacidades para que melloremos”.

 

Con respecto á  Vig-Bay, na que debutaba, sinalou que foi unha experiencia xenial. Levaba dous anos inscrita nas edicións suspendidas e “a verdade é que se cumpriron todas as expectativas do que me contaban sobre ela. Ten un percorrido bastante ameno para ser longa distancia e as  vistazas fan que mereza aínda máis a pena. O prol fundamental para min foi o ambiente, de todas as carreiras que fixen non vin nunca cousa igual. Salvo en pequenos tramos todo o percorrido estaba cheo de xente animando e tamén foi curioso cruzarse con moitos peregrinos que nos animaban e nós a eles. Dos avituallamentos non teño queixa, había moita xente dándoo todo para que puidésemos recargar enerxía e iso sempre hai que agradecelo. Igual que aos sanitarios, que tiveron unha mañá atarefada… “. Sobre este último aspecto Paula quixo mandar unha mensaxe de “sensatez” á xente, xa que “non é un paseo, hai que prepararse ben e saber cales son os límites de cada un. Hai que ser consciente de que para chegar a meta hai que ser esixente, pero sempre coidándose e dando prioridade á saúde e a  gozar do deporte”. Así que, Paula quedou encantada coa súa primeira experiencia na  Vig-Bay e “iso que non conseguín o tempo que esperaba,  jajaja”.

 

Juan Carlos foi un dos últimos en chegar ao grupo de running de Coia, alá por outubro do ano pasado e a súa evolución non puido ser máis rápida. Nestes meses estívose preparando e a súa primeira carreira, nin máis nin menos que a  Vig-Bay!

 

“Empecei no grupo no mes de outubro do ano pasado e vou os días que podo, tentando compatibilizalos cos meus horarios. Pero a verdade é que me entrou o gusanillo, temos un equipo de compañeiros e compañeiras moi agradables, o técnico tamén, e así comecei”. Cando non pode adestrar co equipo, “Vou correr pola noite e fago o mesmo percorrido que eles. Cando non podemos ir, Javi tamén nos manda adestramentos, e así fun compaxinando”. E chegou o momento dunha carreira: “Apetecíame apuntarme a unha competición, e cal mellor que a  Vig-Bay. Recomendáronme mellor probar antes cunha do circuíto, pero por datas non foi posible e a verdade é que todo saíu xenial”. De entrada, contou cunha “axuda extra”, xa que “veu un amigo de Canarias expresamente para facer a carreira comigo”. Sobre a experiencia, todo foi bo, afirma Juan Carlos. “Unha sensación moi bonita ver a tanta xente de tantos clubs, camisetas de tantas cores, moita xente animando…” Acordouse do grupo que había en Monte Lourido con gaitas e pandeiretas, “era un momento complicado da carreira, porque xa estabamos bastante tocados e é un sitio duro, e había un grupo de xente alí tocando e animando, que a verdade é que nos deu moita moral”. Tamén se acordou dos seus compañeiros de  Máis que Auga e do seu técnico Javi: “atopámonos a xente do equipo e chocabámonos as mans e Javi estaba en meta esperándonos e animándonos. En xeral foi unha experiencia moi bonita que espero poder repetir”.

 

E completamos o noso repaso pola  Vig-Bay falando con Lucía, que xa fixera esta proba na distancia máis longa (a maratón) no 2019. A nosa socia explicounos que “este ano todo foi un pouco complicado. Viñamos da pandemia, no medio da preparación colleume unha COVID bastante forte que me fixo dubidar se continuar ou non. Pero tomeino como un reto. Eu son unha persoa loitadora e apetecíame demostrar que si podo”.

 

Recoñece que en 2019 atopouse mellor, pero “estou moi contenta porque a terminei e demostreime a min mesma que podo”. E é que na maratón había uns 400 corredores dos cales só 20 eran mulleres e nosa Lucía logrou o terceiro posto na súa categoría, polo que non podía estar máis contenta.

 

Lucía comezou no grupo de  running hai máis de catro anos: “Empecei porque Javi era o monitor da miña nena na piscina e animoume. Ao principio pensaba que non podería e agora, catro anos despois, aquí estou con dúas maratóns ás costas e unhas cantas carreiras máis”.

 

Todos eles non querían despedirse sen destacar aos seus compañeiros, o gran grupo que crearon e o nexo de unión, que é o técnico Javi Vázquez, ao que todos agradeceron verlle na chegada animándolles a todos e todas.