As nosas bailarinas voan por Máis que Auga Navia

07/07/2021

O  28 de xuño as nosas bailarinas fitness puxeron punto e final á tempada e fixérono como a elas lles gusta: Realizando as súas coreografías, mostrando os seus progresos e cun sorriso tras cada máscara.

 

O curso de fitness ballet comezou no mes de outubro e finalizou o luns 28 de xuño con esta pequena festa, na que as participantes demostraron o divertidas que son e o bo grupo que fixeron. Así que as nosas bailarinas fitness decidiron que a despedida sería alegre, tal e como foi toda a tempada, polo que se puxeron uns  tutús para dar o toque de cor e practicaron as súas coreografías a ritmo movidos e intensos. Esta tempada asistiron ao curso un total de 13 persoas (Elena,  Sefi, Luisa, Teresa, Eva,  Monique,  Nerea, Aida, Paula García, Elvira, Laura, Paula  Fojo e Isabel) de idades comprendidas entre os 14 e os 50 anos. Mesmo chegaron a ter a unha persoa de máis idade  (60 anos), que agora, pola pandemia do  COVID, preferiu non acudir ao ximnasio.

 

Preguntarédesvos en que consiste o fitness ballet e explícanolo a técnica responsable deste curso,  Débora Lima: “É unha disciplina deportiva de baixo impacto, que fusiona a danza clásica e o fitness. Ten o foco en  reeducar a postura corporal, tonificación muscular, resistencia, mellorar o equilibrio, a coordinación, flexibilidade e elasticidade, queimar calorías e tamén axuda a exercitar a memoria”.  Débora cóntanos que esta actividade é recomendable para calquera tipo de persoa: “Ideal tamén para triatletas,  crossfiteros ou  runners, pois mellora o seu rendemento muscular e a flexibilidade”.

 

Falamos con  Débora, pero tamén con algunha das alumnas, que nos explicaron como foi a súa experiencia. Laura, de 39 anos, probou a primeira clase gratuíta de iniciación e xa non se foi! Ela practicou de pequena ximnasia rítmica e pareceulle unha boa maneira de lembrar vellos tempos. E o seu balance non pode ser máis positivo, “aínda que ao principio non sabes onde poñer o pé ou o brazo, ao final te acabas enganchando e loitas por alcanzar cada reto”. Ademais, Laura destacou o labor da mestra -“todo grazas á profesora, que cho fai todo moi fácil”- e ao grupo, xa que “temos moi bo ambiente en clase e pasámolo moi ben”. Só ve un defecto e é que “a clase se nos queda curta, necesitamos unha hora” e despediuse dando as grazas a  Débora por “a súa ilusión connosco, o seu agarimo e dedicación”.

 

Aida (33 anos) é outra das nosas bailarinas e explicounos porque elixiu esta modalidade: “Apunteime porque me chamou a atención. Era algo diferente, que non adoita estar presente nun ximnasio e que me permitía unir dous dos meus  hobbies: baile e exercicio”. O seu balance non pode ser máis positivo, xa que “o curso foi xenial, encantoume, e fixo este ano atípico máis levadío”, ademais destacou o magnífico ambiente que había nas clases: “tanto a profesora como o resto de alumnas conectamos moi rápido e ben”. A nosa alumna destaca que “aínda que todo seguía a mesma liña, as clases non eran para nada repetitivas, faciamos exercicios de flexibilidade, coreografías, técnica…”

 

Así que xa están a esperar a volta para reencontrarse coas súas compañeiras e a súa  profe e volver ensaiar os seus pasos de ballet.