AS ENFERMIDADES CARDIOVASCULARES PODEN EVITARSE ELIMINANDO SEDENTARISMO E MALA ALIMENTACIÓN

28/03/2021

O pasado día 14 de marzo celebrouse o Día Europeo para a Prevención do Risco Cardiovascular, celebración que ten o obxectivo de concienciar á poboación sobre a importancia que teñen as enfermidades cardiovasculares e sobre como podemos influír nos factores de risco implicados, como son o tabaquismo, o sedentarismo, a mala alimentación, a obesidade, a  hipertensión, a tensión e outros factores.

 

E é que as cifras asustan. As enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte en todo o mundo. Esta é a noticia negativa, pero a positiva é que estas mortes prematuras poderíanse evitar seguindo un estilo de vida saudable, que nos permitirá reducir os factores de risco sinalados.

 

Obesidade, mala alimentación e sedentarismo están moi relacionados entre si, e para facer fronte aos mesmos (e a outros factores negativos) hai dúas medidas efectivas, que non máxicas. A primeira é acudir a unha alimentación sa e equilibrada, na que non falten vexetais, legumes, cereais e froita e na que se reduzan as graxas, sal e alimentos procesados. E a segunda acción importante é a actividade física.

 

No artigo que poderedes ler a continuación, o xefe de servizo de Cardioloxía Clínica e Intervencionista do Hospital A Luz de Madrid, Roberto Martín Reyes, destaca a importancia de facer deporte ou actividade física tanto para facer fronte á obesidade como para plantar cara a outras enfermidades: “Desenvolver actividade física a diario (como mínimo camiñar, a bo ritmo, durante 30 minutos diarios) permitirá controlar a tensión arterial, así como a glicosa en sangue”. Ademais de que practicar deporte tamén é unha boa fórmula para reducir a tensión e axuda a descansar mellor.

 

Non te perdas este artigo na seguinte ligazón de Infosalus.