AS E OS MELLORES XOGADORES DO WORLD PADEL TOUR ADESTRARÁN EN MÁIS QUE AUGA NAVIA

04/05/2023

Dende mañá 5 de maio e ata o sábado 13, o complexo de pádel de Máis que Auga Navia converterase na sede dos adestramentos oficiais da proba de Vigo do World Padel Tour.

 

Que significa iso? Pois que teremos a posibilidade de ver en acción as mellores pas do mundo de forma gratuíta nas nosas instalacións! O acceso será libre, pero iso si, con límite de aforo, polo que vos recomendamos que sigades as nosas redes sociais, nas que iremos informando dos horarios de adestramento das e dos diferentes xogadores. De entrada, xa podemos dicirvos que mañá venres (a partir das 17:30 horas) comezan os adestramentos, pero venres e sábado serán para aqueles deportistas que disputan as previas. Desta forma, a partir do luns chegarán as mellores pas e poderedes gozar do espectáculo incluso adestrando, e sabémolo por experiencia!

 

Aquí vos deixamos a información sobre as e os inscritos na proba de Vigo do World Padel Tour.

Como seguro que sabedes xa, este ano o Vigo Open 1000 vaise celebrar na súa totalidade no IFEVI, pero a organización do World Padel Tour volveu amosar a súa confianza en nós, para converternos na sede oficial de adestramentos en Vigo.

 

Máis que Auga e a organización do WPT colaboraron de forma activa dende que este “Mundial” de pádel aterrou en Vigo. Nas tres últimas edicións en Navia puidemos gozar da previa do torneo, pero este ano decidiuse que a totalidade da competición se celebraría no IFEVI. A pesar diso, a colaboración entre o World Padel Tour e Máis que Auga continúa, xa que dende o primeiro ano eloxiaron tanto a calidade das nosas pistas como o traballo organizativo realizado. Hai que recordar que o complexo de pádel de Máis que Auga Navia ten o céspede SUPERCOURT XN, o mesmo que utilizan no World Padel Tour, e do que xa desfrutan as e os nosos usuarios habitualmente.