As deportistas de Máis que Auga reciben o premio como as mellores de Galicia en 2015

12/05/2016

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta premiou este xoves a dúas deportistas de elite da familia Máis que Auga: Susana Rodríguez Gacio e María Bautista. Na gala anual, celebrada en Ourense, Máis que Auga tamén estivo representada por dous dos seus directivos, Celso Piñeiro e Felipe Carrascosa, que felicitaron en persoa a María Bautista, profesora de taekwondo nos nosos centros e árbitro internacional deste deporte. Susana Rodríguez, concentrada en Sierra Nevada, non puido acudir ao acto.

María Bautista logrou, por segundo ano, ser recoñecida como a mellor xuíz-árbitro de Galicia en todas as modalidades deportivas. Un premio dun enorme valor para ela.“Estou moifeliz porque é un recoñecemento de todo o colectivo arbitral. E moi agradecida porque o apoio que recibo de Máis que Auga é total e o que máis ilusión me fai é a felicitación dos meus alumnos e dos seus pais cada vez que saben que recibo un premio”, explica María.

 

premio-deporte-galego-mais-que-auga-vigo-01

Pola súa parte, a paratriatleta Susana Rodríguez foi premiada como a mellor deportista galega con discapacidade do ano 2015. Un recoñecemento que lle chega semanas despois de lograr o seu pasaporte para os Xogos Paralímpicos de Río 2016. Desde Sierra Nevada, onde prepara a súa próxima competición, quixo agradecer o premio e o apoio de Máis que Auga neste vídeo.

Estes dous premios son a mellor motivación e exemplo para todos os nosos usuarios/as, con quen comparten os valores do esforzo, a superación e a paixón polo deporte.

Parabéns a Susana e a María!