AS CLÍNICAS SAN LÁZARO, AO FRONTE DO SERVIZO DE FISIOTERAPIA DE MÁIS QUE AUGA

02/04/2023

Chegan novidades ao gabinete de fisioterapia de Navia, que volverá abrir as súas portas! A partir do luns 3 de abril as Clínicas San Lázaro poñeranse ao fronte do servizo de fisioterapia, tras o acordo adoptado entre ambas empresas nas últimas semanas.

Desta forma, en Máis que Auga teremos á nosa disposición os servizos desta clínica, especializada no diagnóstico, tratamento e rehabilitación de patoloxías músculo-esqueléticas, dores crónicas e lesións. San Lázaro adáptase á perfección ás nosas necesidades, xa que traballa habitualmente con lesións deportivas, e tamén coa recuperación doutro tipo de enfermidades ou accidentes, polo que os nosos usuarios e usuarias terán a posibilidade de consultar cos mellores especialistas.

Como será o funcionamento? Igual que ata o de agora. Poderás reservar a túa sesión de tratamento a través da páxina web de Máis que Auga no horario que prefiras o luns (de 18 a 21:00 horas) e o xoves (de 10:30 a 13:30). Nas próximas semanas irase ampliando o horario de atención ao público. A cita terá lugar no gabinete de fisioterapia, situado nas nosas instalacións de Navia. Alí serás recibido polo profesional que comezará por realizar unha avaliación do problema. Tras escoitar ao paciente, o fisioterapeuta indicará o tratamento que recomenda para conseguir a recuperación canto antes. O custo da sesión será de 25,85 euros para socios/as e de 30,35 euros para non abonados/as.

Clínicas San Lázaro, que comezou a dar os seus primeiros pasos en Vigo no ano 2000, é unha das clínicas de maior prestixio da cidade e proba diso é o enorme crecemento que tivo nestes vinte anos de vida. Actualmente conta cun total de 11 centros en Vigo, Porriño, Moaña, Cangas, Bueu, Tui, Sanxenxo, Baiona e Ponteareas.