As 88 primaveiras de Eugenia Ferreira

23/05/2021

Nunha familia tan grande como a de Máis que  Auga temos miles de historias que contar… Historias cheas de amor, de recordos, de momentos, de emoción… Pois un deses momentos máxicos vivímolo a semana pasada en  Máis que  Auga  Coia cando celebramos o aniversario da nosa querida Eugenia Ferreira. O 14 de maio Eugenia cumpriu 88 anos e celebrámolo ao grande! Eugenia fíxonos partícipes unhas semanas antes porque nos solicitou axuda para que lle gravásemos un vídeo na piscina para enviar á súa familia ese día para que visen o activa que está e o ben que o pasa en  Máis que  Auga.

 

E así, gravando o vídeo, fomos coñecendo un pouquiño máis a Eugenia, que é unha muller chea de vitalidade e positividade, pola que non pasan os anos. A nosa socia é moi madrugadora. Ás 7:30 horas está a subirse ao bus para poder entrar pola porta de Máis que  Auga  Coia vinte minutos despois e facer a súa elíptica, a súa piscina, pasar polo spa ou ir ás clases de  aquagym. Así se pasa a mañá, gozando de cada minuto na auga onde di ser feliz.

 

Eugenia chegou ao deporte xa de adulta. Aos 52 apuntouse por primeira vez a un  gym e foi aos 56 cando aprendeu a nadar. “Recomendoumo o  fisio porque tiña bastantes problemas nas cervicais e díxome que sería  boísimo para min ir á piscina. Ao principio dábame un pouco de respecto, e mira!”, chancea nosa Eugenia. Porque a partir dese momento enganchouse e non se limitou a ir nadar á piscina, senón que a partir dos 66 anos comezou a competir en Campionatos de veteranos e aos 69 logrou proclamarse campioa de España en Valladolid. Agora ten na súa casa unha habitación museo onde garda todas as súas medallas, que son moitas, fotos, recordos desas viaxes e deses momentos.

E cando se sumou á familia Máis que Auga?  Chegou ao noso centro de  Coia catro meses despois da súa apertura, é dicir, leva máis de dez anos connosco e a través dela coñecemos aos seus fillos, aos seus netos e aos seus  bisnetos, aos que o pasado día 14 enviámoslles o vídeo do seu  matriarca. Eugenia ten tres fillos, 6 netos e 2  bisnetos e algúns deles viven lonxe, pero grazas ao teléfono e a tecnoloxía non se perden as aventuras da súa avoa. E non creades que só lle gusta nadar. Empezou con atletismo, pero tamén foi a baile con Polo, a cantar a unha coral, colabora con Cruz Vermella, fixo o Camiño de Santiago, toca a pandeireta, escribe un diario… Precisamente, polo seu aniversario, a súa neta regaloulle un libro que fixo co contido deste diario e fotos de toda a súa vida, que emocionou moitísimo a Eugenia.

 

Moitas grazas por contaxiarnos desa alegría e vitalidade Eugenia!