ARRINCAN AS SAÍDAS OUTEXPERIENCE O SÁBADO 20 CUN ROTEIRO BTT

15/01/2024

Aquí estamos coa primeira saída OutExperience do ano 2024! Seguro que tedes tantas ganas como nós de volver á natureza para practicar deporte e en grupo. Así que esta fin de semana será movidito con varias opcións para todos os gustos. Comezaremos coa do sábado 20 de xaneiro na que faremos un roteiro en bicicleta de montaña desde o Alto de Herville, pasando polo monte Galiñeiro e Zamáns.

 

Como noutras ocasións, teremos dúas opcións, unha máis sinxela e outra máis esixente. Na primeira, realizaremos un roteiro curto (10 quilómetros), adaptado a todos os públicos, e que terá unha duración aproximada de 1 hora e media. E ao finalizar, os que quedan con ganas de máis poderán continuar con outros dez quilómetros, que terán maior dificultade e tamén un maior ritmo.

 

O punto de saída será na Ermida das Neves, no alto de Herville, en Mos, ás dez da mañá (a continuación, tedes a ligazón) e non nos podemos esquecer das nosas recomendacións. A primeira, que esteades pendentes das previsións meteorolóxicas, por se necesitades levar roupa de abrigo ou choiva. Ademais, sempre é convinte levar algo para comer e beber durante a proba.

 

Por suposto, é imprescindible ter bicicleta e casco propios, así como un móbil coa aplicación strava, para poder seguir o percorrido.

 

Aquí deixámosvos as ligazóns co punto de saída e o roteiro en strava, para que poidades consultalos.

 

Esta tempada, os prezos das actividades Outexperience por saída son de 4,35 euros para adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda ao cincuenta por cento (2,15€). Pero, se es un dos habituais OutExperience, interesarache o abono por tempada, xa que se es socio/a sairache todo por 20 euros e no caso de non selo, por 40€.

 

Por último, lembrarvos que para o programa OutExperience, é necesario contratar o seguro anual obrigatorio para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 11 euros e un ano de vixencia. Todas as persoas interesadas poden reservar praza na recepción dos nosos centros.