ARRINCAMOS O ANO COA SUBIDA AO CASTRO E FANTÁSTICOS RESULTADOS PARA OS NOSOS RUNNERS

30/01/2024

Cando aínda non nos esquecemos dos polvoróns, o noso equipo de running sumouse á “toma” do monte do Castro, nesa proba case épica da Subida ao Castro, coa que se dá o punto de inicio ao circuíto Run Run 2024.

 

É unha desas carreiras que dá medo non polos quilómetros, senón polo seu perfil, tremendamente vertical e cheo de escaleiras. O reto é subir desde o nivel do mar (Paseo das Avenidas) ata o cume da cidade (O Castelo de San Sebastián no Castro). Son pouco máis de 3 quilómetros, máis de 500 escaleiras e, por suposto, un verdadeiro rompe-pernas para calquera.

 

A calquera lle faría tremer, pero ao noso equipo Máis que Auga non hai proba que lle quite o sorriso, así que se presentou na primeira proba do circuíto con 38 participantes, mostrando as súas mellores galas e o sorriso máis amplo para afrontar a carreira máis curta e máis dura do circuíto. Pouco máis de doce minutos (para os privilexiados) para chegar á cima e gozar das vistas, mentres unha serpe multicolor seguía ascendendo polas escaleiras do Castro correndo ou camiñando, con axudas e/o con paradas.

 

Os nosos medallistas

E como vos dixemos, o noso equipo sempre loita e tamén nesta proba houbo fantásticos resultados, iso si, neste caso das nosas mozas.

 

Comezamos por destacar a fantástica carreira de Julia Sampedro, que arrincou o ano da mesma forma na que acabou o 2023: Ao máximo nivel. Julia logrou a terceira posición na categoría absoluta feminina e foi primeira na súa categoría (F-2). Julia explicounos que “a pesar de que é unha proba moi curta, ten un pouco de todo! A parte inicial é chaira, para poder coller un bo ritmo, e despois, case dous quilómetros de costas e escaleiras. É moi dinámica e entretida, pero levando o corazón na boca moito tempo”.

 

E non só subiu ao podio nosa Julia. Tamén queremos destacar o bo traballo da nosa compañeira Ana Pérez García-Picher, que sabedes que agora está a compaxinar a natación co running, e nesta proba foi terceira na súa categoría (F-1).

 

Ademais, temos dúas medallas máis que fannos moita ilusión. En F-5 Rosa Álvarez segue coa alegría e as ganas de sempre e ocupou a segunda posición, mentres que no outro extremo, en sub 8, Valeria Vázquez fixo a súa primeira carreira na mesma distancia que os maiores e logrou o segundo posto. A canteira está asegurada! Moi orgullosos e orgullosas das nosas mozas!