AROA SÍO, FELIZ COA SÚA MEDALLA DE CHOCOLATE NO MUNDIAL

13/07/2021

Unha medalla de chocolate.  Aroa  Sío quedou moi preto do podio no Mundial de Ultra Trail da   International  Skyrunning  Federation, que se disputou esta fin de semana no Vall de  Boi leridano. Pero non foi unha posición triste para  Aroa, nin moito menos, que valora esa cuarta posición no mundial, cun chisco de sentido do humor: “Estou moi contenta. Leveime a medalla de chocolate que é un sabor doce e que me gusta moito”, chancea. Evidentemente, quixera alcanzar á italiana que foi bronce, pero “espero que haxa máis ocasións e que o resultado sexa aínda mellor. Pero un cuarto posto nun campionato do Mundo está moi ben e estou  súper feliz”.

 

Así, xa desde a súa casa e con maniotas e as pernas doloridas,  Aroa fixo balance da proba, que nesta ocasión foi diferente: “En poucas carreiras sufrín tanto. Eu son unha persoa que, dá igual a proba que sexa, sempre estou a gozar, sempre vou sorrindo e gozando da paisaxe e da carreira. Aquí non foi así. Xa desde o quilómetro 17, levaría unhas dúas horas ou así,  ía sufrindo. Tiven varias caídas, que non me impedían correr, pero ía con dor no cóbado e na coxa dereita. Esas oito horas que me quedaban para chegar a meta foron de sufrimento. Tiven moita cabeza para aguantar e chegar ao final”.

 

Como xa nos contaba a viguesa antes de saír en dirección a Lleida, o percorrido era moi lento e perigoso e iso confirmouse sobre o terreo. “Facía moita calor, a altitude, uns desniveis bestiais que só podías subir ou escalando ou coa axuda dunha corda… Era correr, gabear e cunha dificultade moi alta. Foi unha carreira moi técnica, con 20 quilómetros de ` cresteo´, con subidas e baixadas, nas que as baixadas eran case tan lentas como as subidas, pola pendente e as pedras soltas, que che obrigaban a ir con moito coidado para evitar caídas”.

 

A pesar das dificultades, o resumo é moi positivo: “Paseino xenial. Cos meus compañeiros de selección foi brutal. Como nunha excursión de fin de curso, cando estás cos teus compañeiros pasándoo ben, con moi bo ambiente entre nós. E por riba, por equipos levámonos o ouro e con moitos puntos de diferenza. España ten moita calidade en montaña, a nivel mundial é un dos mellores países do mundo en carreiras por montaña e así o demostrou tanto en maratón, ultra e quilómetro vertical”.

 

Agora toca recuperarse canto antes e xa ten en mente o seu próximo reto na segunda quincena de agosto. “Pensando xa en irme a  Chamonix para preparar a proba da  UTMB que é unha modalidade que nunca fixen: 168 quilómetros do tirón”. E coma sempre, estaremos pendentes de ti!