AQUÍ TEDES AS NOSAS RECEITAS PARA O OUTONO!

31/10/2023

Agora si que si! O outono instalouse nas nosas vidas e non só por datas, senón tamén polas condicións climatolóxicas. Chegaron as choivas, o vento, baixan as temperaturas, as follas adornan os parques coas súas cores douradas, aparecen os chuvasqueiros, os xerseis, paraugas…. E as cabazas ou as castañas!

 

Pois si, deixamos atrás a calor e os pratos máis fríos e refrescantes, típicos do verán. Agora, no outono, é a época na que están no seu máximo esplendor produtos como as acelgas, berenxenas, batatas, cabazas, coles, espinacas, pementos, cenorias, cogomelos, castañas…

 

E, como sempre vos dicimos, os produtos de tempada son os mellores por varios motivos: O principal: ao ser o seu momento, están máis saborosos e son nutritivos, pero é que ademais son máis económicos e sostibles. Moitas e boas razóns para apostar polos produtos de tempada! E é que, non hai mellor forma para combater o frío que “incluír estes produtos que che achegarán vitaminas e minerais e así, xunto cunha vida activa, mellorarán o teu sistema inmune e darán moita variedade á túa dieta”, destacou o responsable do gabinete de nutrición de Máis que Auga Navia, Víctor Vázquez.

 

E como sempre, pedímoslle a Víctor que nos propoña algunha receita, para que vos animedes en casa a coller o mandil e poñervos a cociñar. Pode ser un bo plan para unha tarde de sábado chuviosa cos nenos/as, ademais de que deixades adiantadas tarefas para a semana! Imos coas nosas propostas!

 

PURÉ DE CABAZA E BATATA

INGREDIENTES:

– 300 gr. de cabaza

– 200 gr. de cenoria

– 100 gr. de espinacas

– 2 batatas

– Aceite de oliva

ELABORACIÓN:

  1. Pelamos e cortamos a cabaza, engadímoslle sal e pementa e vai ao forno uns 30 minutos a 200 graos cun pouco de aceite de oliva virxe extra.
  2. Doutra banda, poñemos a ferver a cenoria e as batatas con auga e un pouco de caldo de verdura.
  3. Xuntamos todo nunha batedora e engadímoslle as espinacas.
  4. Unha vez quede de forma homoxénea, listo para servir!

 

*Esta preparación é perfecta para facer unha boa cantidade e conxelar por partes, para ter un primeiro prato ou unha cea nun momento: Sacar do conxelador e quentar!

 

BERENXENAS RECHEAS DE ATÚN E COGOMELOS

INGREDIENTES:

– Berenxenas

– 2 latas de atún

– 100 gr. de cogomelos

– 80 gr. de queixo (o que máis che guste)

– Pisto de verduras

ELABORACIÓN:

  1. Cortamos as berenxenas de forma en que nos queden dúas metades iguais.
  2. Baleirámola e metémolo todo nun recipiente ao que engadiremos os cogomelos, o atún e o pisto de verduras e mesturámolo todo.
  3. Enchemos a carcasa das berenxenas con esa mestura e engadímoslle queixo por riba.
  4. Enfornamos todo a 150 graos durante uns 30 minutos.

 

CASTAÑAS ASADAS

INGREDIENTES:

Castañas galegas de calidade, por suposto.

ELABORACIÓN:

Neste caso, non hai dificultade algunha.

  1. Lavalas e ese toque húmido viralle moi ben para o cociñado.
  2. Non esquezas facerlle un corte na casca para evitar que exploten no forno.
  3. Estiralas na bandexa, sobre papel de forno, e deixalas cociñar sobre uns 15-20 minutos a 200º aproximadamente.
  4. Ten coidado de que non se pasen, porque se poñen moi duras.

 

O fundamental é que nos van a achegar numerosas vitaminas do grupo B (B1, B3,B6) e é alta en ácido fólico.

Ademais, achéganos fibra que sempre é moi importante a nivel dixestivo e o certo é que, moitas veces, a cantidade diaria de fibra que incluímos na nosa dieta é baixa.

Como en todos os alimentos hai que ter en conta a cantidade que comemos xa que é bastante alto en calorías, pero a condición de que sexa unha cantidade moderada ten cabida na túa alimentación de forma ocasional sen ningún problema. É unha fantástica merenda ou mesmo unha sobremesa.