AQUAGYM, A ATRACCIÓN DO VERÁN

02/08/2020

No verán, o noso curso de aquagym convértese no máis demandado. E é que con estas temperaturas parece complicado atopar un plan mellor: Facer deporte, na auga, con seguridade e dunha forma moi divertida! E ademais, no verán é unha actividade incluída no abono para os nosos socios/ as.

 

En  Coia hai clase de  aquagym todos os días e sempre cun magnífico ambiente. Así que nos coamos en clase de Javi Vázquez e puidemos gozar da súa marcha e da dos alumnos. O primeiro que sorprende é a división do espazo coas  corcheras da piscina, de forma que cada usuario dispón dun amplo espazo para facer os exercicios e sen estar en contacto con ninguén. Luz Cuquejo comezou co  aquagym este verán e recoñece que “me encanta, veño sempre que podo”. Ao principio, si que tivo algo de maniotas, pero agora “acabamos cansos, porque a clase é un pouquiño dura, pero moi contentos”.

 

Montse Moreira destacou o traballo dos nosos técnicos, “xa que grazas a eles todo é moito máis levadío. Anímannos moito, sempre nos arrincan un sorriso e trátannos de marabilla”. Asegura Montse que coas medidas de seguridade implementadas séntense moi seguros: “Vimos coas máscaras ata aquí, e despois na auga xa ves, cada un ten o seu espazo para facer os exercicios. Está todo moi controlado”.

 

Consuelo Castro é unha das veteranas e expertas en aquagym, xa que leva seis tempadas asistindo a esta actividade, ademais de que desde sempre lle gustou o deporte: “Levo toda a vida facendo deporte, empecei hai máis de 40 anos no complexo de  As  Travesas con Chus Lago”, cóntanos. E así está de estupenda, cos seus 81 anos acudindo todos os días á clase de  aquagym, “é moi divertido e unha forma de seguir en forma e atoparche con xente”. Consuelo  tamén destacou o traballo dos técnicos –“Son marabillosos, respectuosos, moi atentos” –, así como a seguridade que hai nos centros, “síntome moi segura. Senón fose así, non viría”.

 

Que é  aquagym?  Unha actividade aeróbica que se desenvolve na auga, na que a música é moi importante. Principalmente trabállanse as extremidades (pernas e brazos) de forma subacuática e ao facelo na auga, “redúcese o impacto nas articulacións”, explica Javi Vázquez. É unha actividade moi esixente, polo que os técnicos dividen a clase en varios grupos de exercicios, algúns máis intensos e outros de recuperación. Javi inclúe na súa clase sempre un xogo de axilidade mental que ten o obxectivo de “axudar á memoria, xa que sobre todo na clase da mañá, a media de idade é bastante alta, polo que é un xogo que lles vén moi ben, a eles e a todos”.