ANTONIO SERRAT, SUBCAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRÍATLON EN PONTEVEDRA

24/08/2020

Moi bo regreso ás competicións do deportista Máis que Auga, Antonio Serrat, que logrou en Pontevedra o subcampionato de España de Tríatlon na distancia sprint, so por detrás de Fernando Alarza.

 

Había moita emoción neste reencontro cos campionatos case seis meses despois. Dende a organización tomáronse medidas pola situación sanitaria excepcional provocada pola COVID-19. Co obxectivo de evitar o contacto entre os deportistas, a competición pasou a ser en formato contra o reloxo, para que cada participante saíra de forma individualizada e evitar desta forma pelotóns.

 

Antonio afrontou os 750 metros de natación con boas sensacións, aínda que na segunda parte do percorrido tivo un pequeno problema de ubicación o que lle fixo perder algún segundos. Pero na bicicleta saíu moi ben e alcanzou un moi bo ritmo. Ao pasar pola segunda volta, veu como Fernando Alarza, o gran favorito e que saíra 20 segundos máis tarde, logrou alcanzalo, polo que Serrat sabía que non podía deixalo marchar para seguir con opcións. E así, chegaron xuntos ata o remate da proba, logrando título Fernando Alarza, e Antonio Serrat o subcampionato.

 

Serrat asegurou estar moi contento ”por volver a competir, que era o máis importante, e por quedar segundo, nunha proba cun altísimo nivel e que ademais se celebrou en casa, en Galicia”. Agora a pensar xa nas próximas probas, que ademais serán moi pronto: O 4 de setembro regresan as Series Mundiais coa proba de Hamburgo e Antonio Serrat estará na liña de saída, xunto aos mellores triatletas do mundo. Ademais, o 12 de setembro participará na Copa do Mundo Karlovy Vary. Polo momento, estas son as probas que hai a vista e nestes intres é imposible facer planificacións a longo prazo, pendentes sempre de como evoluciona a situación sanitaria en cada país.