ANTONIO SERRAT, SEGUNDO EN BERMUDA, LOGRA O SEU PRIMEIRO PODIO EN SERIES MUNDIAIS

08/11/2022

Antonio Serrat logrou esta fin de semana o seu mellor resultado nunha proba do Mundial de Tríatlon! O deportista Máis que Auga foi segundo na Serie Mundial de Bermuda, despois de facer unha carreira a pé espectacular na que foi remontando, para finalizar na segunda posición por detrás de Vincent Luis.

 

A proba de Bermuda, penúltima do Mundial 2022, contaba con grandes nomes na lista de saída (Luis, Alex Yee, Blummenfelt, Mario Mola ou Gustav Iden, entre outros), o que facía presaxiar un gran espectáculo. E así foi!

 

No segmento de natación destacou Vincent Luis que saíu na primeira posición da auga e na saída da T-1 formouse un primeiro grupo de sete unidades. Por detrás, no segundo grupo, ía o noso Antonio, que nesta ocasión non traballou tanto na bicicleta como noutras probas e iso ao final viuse reflectido no terceiro segmento. Antonio entrou na T-2 neste segundo grupo a 44 segundos de Luis.

 

E chegou a remontada de Serrat. O vigués foi remontando quilómetro a quilómetro, mentres que Vincent xa estaba en solitario na cabeza. Trala segunda volta, Luis era primeiro e Serrat, segundo a 17 segundos. Na última volta a diferenza entre ambos era de só 10 segundos, pero o francés apertou ao máximo para asegurar a vitoria e logrou chegar a meta con oito segundos de vantaxe sobre o vigués, quen fixo o mellor tempo na carreira a pé de todos os participantes. Carrerón.

 

Así, o noso deportista logrou a mellor clasificación nunha proba do Mundial e afronta a Gran Final de Abu Dhabi (do 23 ao 26 de novembro) con moito optimismo, despois dunha  tempada complicada con problemas físicos e algunha caída.