ANTONIO SERRAT, ROI RODRÍGUEZ E AROA SÍO, CON IMPORTANTES COMPROMISOS ESTA FIN DE SEMANA

02/09/2020

Moi pouco a pouco as cousas van avanzando para as e os nosos deportistas. Se hai un par de semanas, Antonio Serrat logrou a segunda posición no campionato de España de tríatlon en Pontevedra, esta fin de semana serán tres os deportistas Máis que Auga que terán importantes compromisos. Antonio Serrat disputará o Campionato do Mundo de Tríatlon en Hamburgo; Roi Rodríguez realizará un selectivo para clasificarse para a Copa do Mundo de Szeged, e Aroa Sío participará nunha nocturna ultra trail de 75 quilómetros en Niza.

 

Antonio Serrat competirá na Serie Mundial de Hamburgo que, ao ser finalmente a única proba que permanece no calendario do Campionato do Mundo, a Federación Internacional decidiu que este ano sirva tamén para decidir o título mundial.

 

En principio, e senón hai novidades de última hora, a proba disputarase sobre a distancia sprint e será unha saída conxunta. Todos os inscritos na proba tiveron que facer un test previo antes de viaxar e outro ao chegar a Alemaña. So poderán participar na proba se os test dan negativo.

 

A pesar de que hai algúns triatletas que non puideron viaxar polas restricións existentes o certo é que a lista de saída é impresionante, con triatletas como o vixente campión do mundo Vincent Luis, o tricampión mundial Mario Mola, Fernando Alarza ou Jonathan Brownlee, entre outros moitos nomes ilustres. Antonio contounos que “estas últimas semanas estoume atopando ben adestrando, así que vou con moitas ganas e confiando en que as sensacións en carreira sexan boas”. A competición será o día 5 de setembro ás 16:00 horas.

 

Pola súa banda, Roi Rodríguez buscará esta fin de semana na casa, en Verducido, acadar a súa clasificación para a Copa do Mundo de Szeged (Hungría), prevista para finais de setembro. Neste selectivo Roi competirá en K-1 1.000 metros e en K-2 1.000 metros. En principio xa está clasificado para o K-1, polos resultados do pasado ano, pero é fundamental a proba de K-2, porque é para a que se está a preparar xunto ao seu compañeiro Albert Martí, co obxectivo de acadar unha praza nos Xogos Olímpicos, aprazados para o vindeiro ano. Para poder disputar a Copa do Mundo deberán vencer neste selectivo. Ademais, tamén participará nas probas de 500 metros tanto en K-1 como K-2, aínda que estas son menos importantes, ao non ser distancia olímpica.

 

E rematamos con Aroa Sío, que xa se atopa en Francia para participará mañá xoves 3 de setembro na nocturna Ultra Trail de Niza, de 75 quilómetros. Aroa recoñece que está un pouco nerviosa, “normal, despois de tanto tempo sen competir, pero moi ilusionada, xa que é un deporte que me apaixona e estou ansiosa por percorrer as montañas de Niza” .

 

O reto non será sinxelo xa que “a proba consta de 75 quilómetros cun desnivel positivo de 4.900 , o cal quere dicir que me toca subir e baixar moito”.  Non se atreve a falar de resultados, xa que “con tanto tempo sen competir é toda unha incógnita saber como estou eu ou as miñas rivais, pero o que si espero é gozar da experiencia”. A proba comezará ás 22:00 horas, así que verá amencer durante a proba. Outro fermoso espectáculo para as súas retinas.