ANTONIO SERRAT, PRECLASIFICADO PARA OS XOGOS OLÍMPICOS DE PARÍS

18/12/2023

Estamos de celebración! O deportista Máis que Auga Antonio Serrat está preclasificado para os Xogos Olímpicos de París de 2024!   A pesar de que cumpriu o requisito marcado pola Federación Española de Tríatlon para conseguir a praza, Antonio (e todos) terá que referendala en 2024, demostrando un bo nivel.

 

Pero imos por partes. A tempada de Antonio finalizou en outubro e nese momento ocupaba o posto 12º da clasificación olímpica, cumprindo así un dos criterios marcados pola Federación Española de Tríatlon para lograr a clasificación olímpica (entrar no top 15 do ranking olímpico).  Pero faltaban os Xogos Paramericanos, que se celebraron en novembro, e había algúns deportistas con opcións de adiantar a Antonio se conseguían magníficos resultados nestas probas. Pero Serrat só perdeu unha posición e cumpriu o criterio, de forma que é o primeiro triatleta español preclasificado para París 2024.

 

Por que dicimos preclasificado? Porque a Federación Española esixe aos deportistas que demostren un bo estado de forma en 2024 e puxeron como obxectivo facer un top 12 nunha proba do Mundial.

 

Así que falamos co noso deportista o primeiro para felicitalo e ademais para saber como vai ser a súa planificación. “Acabei a tempada en outubro, descansei en novembro, e hai unhas semanas púxenme a adestrar. Vou aos poucos, collendo ritmo, sen volverme moi tolo. O obxectivo é chegar en bo estado de forma á primeira proba do Mundial en marzo”, manifestou o triatleta vigués.

 

A comezos de ano, como sempre, haberá concentración en Canarias: “En xaneiro estarei en Lanzarote traballando co grupo da Española para preparar esa primeira proba. Se podo ratificar a praza en Abu Dhabi en marzo sería perfecto, porque así xa estaría pechada a clasificación e podería facer unha planificación centrada en chegar no mellor estado de forma a París.”.

 

Esta será a primeira participación de Antonio Serrat nuns Xogos Olímpicos. En Tokyo quedou como reserva, a pesar de ser, sen dúbida, o deportista español máis en forma, tal e como mostraron os resultados conseguidos. Nese momento, Fernando Alarza e Mario Mola lograran a súa clasificación con moitísima antelación e non se lles esixiu resultados durante a tempada, e a terceira praza concedéuselle por traxectoria a Javier Gómez Noya, que pechaba así a súa carreira deportiva en distancia olímpica.