ANTONIO SERRAT, PRATA NA COPA DO MUNDO DE PONTEVEDRA

27/07/2022

O deportista Máis que Auga Antonio Serrat logrou a segunda posición na Copa do Mundo de Tríatlon Xacobeo 21/22 de Pontevedra. Magnífica posición para o noso triatleta que necesitaba recuperar sensacións despois de pasar algúns momentos complicados nas últimas semanas.

 

E que mellor sitio para reencontrarse coas boas sensacións que en Pontevedra, lugar onde adestrou durante moitos anos, mentres estaba no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. A proba, de distancia olímpica, estivo moi igualada e non se decidiu ata o último segmento, xa que á T-2 chegou un grupo de case 40 unidades. Iso si, a natación foi dura, con moitos golpes, pero o noso deportista logrou saír no grupo cabeceiro (moi amplo) e non perder tempo para meterse no grupo principal de bicicleta. Nos 10.000 metros de carreira a pé decidiuse todo. Desde que saíron a correr tres triatletas lanzáronse a por o podio: o vigués Antonio Serrat, o murciano Sergio Baxter e o suízo Max Studer.

 

Antonio buscou ese triunfo, pero na última volta Baxter atacou e o vigués tardou uns segundos en reaccionar, polo que non puido alcanzalo. Baxter logrou a vitoria, a segunda consecutiva a nivel internacional, despois da Copa de Europa de Holten, mentres que Serrat entrou nun magnífico segundo posto a escasos segundos do murciano e o bronce foi para o suízo Studer.

 

De destacar o magnífico ambiente que se viviu en Pontevedra, que sempre se envorca cos eventos deportivos e de forma moi especial co tríatlon. Precisamente a Copa do Mundo deste ano é serviu como antesala á Gran Final das Series Mundiais que se celebrará nesta mesma sede en 2023.

 

Agora Serrat terá unhas semanas para preparar o Europeo sénior, que se celebrará o 12 de agosto en Munich.