O deportista Máis que Auga Antonio Serrat volveu subir a un podio internacional! Esta fin de semana logrou a medalla de prata na Copa do Mundo de Tríatlon de Brasilia, unha das últimas da presente tempada. Este foi o mellor resultado de Serrat esta campaña, na que algúns problemas físicos non lle deixaron render ao nivel esperado.
Falamos con el sobre esta proba e explicounos que estaba moi contento, porque fora unha actuación completa, na que estivo cómodo e con boas sensacións desde o primeiro segmento. “En natación púidenme colocar ben e saín entre os primeiros, de forma que na bicicleta formouse un grupo de 15 unidades, no que me puiden meter sen problema”, sinalou. O segmento de ciclismo foi durísimo, xa que non houbo entendemento e os triatletas trataron de rompelo case desde a primeira pedalada. Ao final, chegaron á segunda transición dez deportistas entre os que se atopaba Antonio.
E así, saíron a polos últimos dez quilómetros de carreira a pé, nun circuíto moi esixente: “non había nin un metro chairo. Todo eran subidas ou baixadas e a iso hai que sumarlle a calor, o que fixo que a carreira a pé fose moi dura. No quilómetro 2 escapamos tres triatletas e na última volta conseguín abrir un pequeno oco sobre o brasileiro Hidalgo”, explicou Serrat, quen xa non contaba coa reacción final do deportista local. “Ao final atacoume e a mín falláronme un pouco as forzas e non puiden responder o ataque. Pero estou satisfeito con este segundo posto e sobre todo por ser competitivo desde o inicio da proba”, finalizou. Ademais, Serrat foi o mellor español clasificado dos seis presentes, sendo Sergio Baxter o segundo en chegar a meta, na 8ª posición, mentres que David Castro foi 10º.
Agora, case sen tempo, toca recuperarse rápido para a proba da próxima fin de semana: O FETRI ProTour, que se celebrará en Málaga. É unha proba moi atractiva para o público, xa que é en formato de eliminatorias en distancia supersprint. Moita sorte Antonio!